Sara Seco, mellor creadora de contido dixital en galego no Carballo Interplay: «O único momento no que non falo galego é nas clases de italiano»

carmen ferreiro / M. v.

FUGAS

Eva F. Prieto

Ela mesma admite que despois do seu recoñecemento sentiu «que se premiaba o éxito, non só facer contido en galego»

29 ago 2025 . Actualizado a las 21:36 h.

Sara Seco (Valga, 1993) é creadora de contido lifestyle en galego en TikTok ao mesmo tempo que traballa na Mesa pola Normalización Lingüística. Orixinaria de Valga, chegou ás redes sociais impulsada polos seus valores e o compromiso coa defensa da lingua.

­—Como compaxinas o teu traballo na Mesa pola Normalización coa creación de contido dixital para redes?

—Máis ou menos ben. Teño un traballo onde me dan moita liberdade para cambiar horas ou días se preciso para ir a algún evento ou gravar algo unha mañá. Son moi afortunada, danme moitas facilidades.

­—Por que comezaches a subir vídeos en galego no TikTok?

—Comecei en redes en setembro do 2021, nun momento no que houbera unha polémica moi grande, porque que a Xunta quería facer unha publicidade no TikTok e a aplicación dicía que non era unha lingua válida para a plataforma. Nese momento, naceu o movemento de TikTok en galego e eu quería sumar facendo algo que a min me gustara consumir nas redes. Como o que máis vía eran contidos lifestyle, propúxenme facer un vlog e facelo en galego. O día que subín o meu primeiro vídeo funme durmir e cando espertei xa tiña como 4.000 reproducións. Para min naquel momento era moitísimo, tiña tres seguidoras: dúas amigas e a miña curmán de 14 años. O terceiro vídeo xa acadou as 10.000 reproducións e cando levaba 20 días en TikTok tiña 60.000 reproducións diarias.

­—Notaches prexuízos polo feito de facer «lifestyle» en galego?

—Si, pero eu creo que dá igual o contido que fagas. De feito, hai veces que estou en faladoiros con xente que fai contido diverso en galego e o punto de odio en común sempre é que falamos en galego. Ademais son como súper agresivos. «Hazlo en castellano. O castellano tamén existe», din.

—E ti, hai algún momento no que non fales en galego?

—Eu no único momento no que non falo galego é nas clases de italiano.

—Como é a túa comunidade en redes?

—Moi fiel. Deféndenme un montón. De feito, sempre poño o exemplo dunha rapaza que é de Málaga que, dá igual polo que se metan comigo, ela sempre é a primeira en defenderme. Ségueme moita xente de fóra, a maioría de 18 a 34.

—Cal é a túa filosofía á hora de filtrar as colaboracións que te chegan?

—Que encaixe dentro dos meus valores. É dicir, teño que ter consonancia co contido que quero facer porque non podo apoiar a moda galega e despois aceptar algo de Shein. Á parte, eles veñen con ofertas moi suculentas. E mesmo non podes aceptar algo de Shein mentres dis «Altri non». Intento ser coherente con todo. Tampouco nos podemos saber o cen por cen das cousas porque sempre hai moitas capas e nunca podes coñecer todo o que pasa detrás dunha empresa.

—Que significou para ti o recoñecemento do certame Carballo Interplay como creadora dixital?

—Foi moi emocionante. Non podía parar de chorar ese día. Grazas ao traballo do Carballo Interplay moitas persoas facemos o que facemos. Sentín que se premiaba o éxito, que non se premiaba só o feito de facer contido en galego.

—Tes algún proxecto a raíz do teu traballo en redes?

—Poder seguir na liña na que estou, aceptando só o que quero aceptar. Grazas a que teño outro traballo podo permitirme escoller. Moitas veces pregúntanme: «Ti poderías vivir de redes?». Claro que podería, pero non podería ser tan libre como o son. Eu agradezo escoller moi ben o que fago e o que non.

—Como ves as futuras xeracións e o futuro da lingua galega tanto nas redes como fora delas, a pé de rúa?

—Nas redes non o vexo tan mal, porque hai xente facendo contido espontáneo, sen ningún tipo de obxectivo, simplemente facendo contido como se fosen as súas redes privadas, e iso xa me parece importantísimo. Fora das redes, é un problema de espazos. En cantos máis se fale galego, máis se vai falar.

—Estamos a vivir o bum da cultura en galego, como din algúns?

—Se falamos de cinco anos atrás, si é o mellor momento. O que é certo é que se queremos que se ese bum do momento se traslade a todo si que fai falta que institucionalmente se inverta e se traballe, non podemos ser só os individuais ou as organizacións que traballan pola lingua os que acarrexen con ese peso de que non sexa unha moda. Si que é parte do traballo das institucións, se queren que o galego sobreviva é o que teñen que facer.