«Corazón de can»: para ampliar o espectro de lecturas da gran literatura rusa

Ramón Nicolás

FUGAS

Esta novela, censurada ata 1987 malia circular profusamente de maneira clandestina, chega ao galego nunha traballada e fluída tradución

18 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Quizais entre esa ducia de voces incontestables e consideradas clásicas da literatura rusa estea ausente, inxustamente, Mikhaíl Bulgákov, autor deste Corazón de can que chega ao galego, nunha traballada e fluída tradución, grazas ao traballo das profesoras María Tolstaia e Rosana Murias. Bulgákov naceu a comezos da última década do século XIX en Kíiv e realizou estudos de medicina e chegou a exercer na súa cidade natal, en Smolensk e máis tarde na cidade de Viazma, antes de se instalar en Moscova coa intención de se consagrar unicamente á literatura e á dramaturxia. Gozou, por algúns éxitos neste último xénero, de certos favores ou dalgunha tolerancia de Stalin ao longo da súa vida malia que a maior parte da súa obra foi censurada acusado de contrarrevolucionario —só viu publicado en vida o texto Diavoliada (1924)— e tivo que dedicarse a encargos menores para subsistir ata 1940, data en que falece, sometido ao ostracismo e rodeado dun aluvión de críticas negativas e, en moitas ocasións, aldraxantes.

Nesta ocasión, Corazón de can, censurada ata 1987 malia circular profusamente de maneira clandestina, asómase a un asunto de clara filiación coa ficción científica: Filip Filíppovich Preobrazhenski, un cirurxián especialista en técnicas de rexuvenecemento, implanta as gónadas e o cerebro dun delincuente no corpo dun can sen dono chamado Shárik que metamorfoseado con éxito vai converterse nun símbolo do novo home soviético. Nesta fábula satírica, con moitos vasos comunicantes con A illa do doutor Moureau de H.G. Wells e tamén co doutor Frankenstein de M. Shelley, circula e incorpórase unha visión corrosiva da sociedade que xurdiu da revolución bolxevique e, ao tempo, ofrece diversas lecturas, con pasaxes que lembran o esperpento valle-inclaniano, de mans dunha vontade manifestamente paródica, en ocasións histriónica, que se reflicte por exemplo nunha crítica patente tanto ao intento de transformación da humanidade que reclamaba a revolución comunista como á propia euxenesia, moi en voga na época en que este texto se escribiu orixinalmente.

Unha inmellorable ocasión para ampliar o espectro das lecturas desa gran literatura como é a rusa, tantas veces descoñecida.