Magnética e intensa «Morgana en Esmelle»

Ramón Nicolás

FUGAS

Un relectura dun libro que subverte os arquetipos tradicionais

29 jun 2025 . Actualizado a las 21:07 h.

Quixen reler, tras a decisión da Real Academia Galega de concederlle a Begoña Caamaño o protagonismo do Día das Letras Galegas do ano que vén, unha obra que xuntou, probablemente como ningunha outra peza narrativa contemporánea, un monllo de galardóns literarios tras a súa aparición en 2012: premio da crítica española ao mellor libro de narrativa, premio ao mellor libro de ficción para a Asociación Galega de Editores, premio Antón Losada Diéguez e mais o que concedeu a AELG ao mellor libro de narrativa. Alén diso, a existencia dunha tradución ao castelán e de, cando menos, once reimpresións fala por si da constante e reiterada presenza desta peza na nosa comunidade lectora.

As razóns do éxito deste libro, dos seus inequívocos acertos e da dimensión brillante que vai adquirindo co paso dos anos, non se impulsa unicamente no proceso de transgresión dos mitos clásicos ao xeito cunqueiriano. Morgana en Esmelle serve inescusablemente para subverter os arquetipos tradicionais e revelar a importancia dunha visión feminista da realidade. É esta a razón que conduce a Morgana a visitar ao vello mago para formularlle preguntas que farán que nada sexa igual pois na reactivación dos recordos e da memoria é onde se percibe a oposición das olladas distintas e a importancia que ten asumir as propias decisións. Merlín resiste e quere esquecer amarguras ata que Morgana esixe razóns e demanda explicacións. O sabio esculca nos rescaldos da súa vida e non lle queda outra saída que a de cuestionarse o seu propio pasado.

     A tonalidade escollida para que o coro de voces que se expresan na novela  —Felipe de Amancia, unha voz omnisciente que relata a xeito de crónica o ocorrido en Ávalon, a propia conciencia de Merlín reflexionando en alta voz sobre a súa vida ou Morgana, que protagoniza en primeira persoa o derradeiro capítulo— é a acaída e sempre está nese punto medio que transparenta un rexistro expresivo doutro tempo que convence e nos converte en cómplices do que se relata. Unha proposta narrativa que me segue a parecer magnética e intensa, é máis, unha epifanía literaria que entra neses ámbitos íntimos da dor dunha culpa, como obriga ética, desenterrada.