
Unha muller pasounas negras no supermercado. Tentaba coller un tarriño de quefir do estante máis alto, na sección dos lácteos, cando un mal movemento provocou que o produto lle esvarara entre os dedos. A priori, non semellaba unha gran fazaña restabelecer o control do recipiente, que emprendía unha caída sinxela de abortar. Pero o asunto rematou coa muller recoñecéndose superada na tarefa de eludir o sinistro: primeiro acometeu unha estraña contorsión que fixo saír disparado o paquete de iogures que tiña nas mans, e despois arrastrou canda ela outro alimento lácteo que tamén atopou o seu destino estampado contra as baldosas. Celébrase este ano o centenario de Peter Sellers, actor británico que na divertidísima The Party (estreada en España como El guateque, dirixida por Blake Edwards) ensinou a moitos a poñerse de parte dos zoupóns profesionais, aqueles capaces de encadear un estrago tras outro cando tentan —coa mellor vontade— solventar algún contratempo. Pensei nos seus insuperables gags mentres vía a muller no transo de salvar o tarro de quefir, e por un intre cheguei a sospeitar que a súa colección de torpezas causaría unha catástrofe no supermercado equivalente á que orixina Sellers no inicio do filme, cando pisa o detonador dun explosivo ao poñerse a atar as sandalias. Non foi así, por sorte. O accidente completouse cuns produtos estrados polo chan, sen sufrir derramo ningún, que a clienta se encargou de introducir no carriño antes de seguir facendo a compra coa mesma dignidade exhibida no momento de enfrontarse ao desastre. Confeso que estiven a piques de botarlle unha man mentres apañaba nos iogures, tal e como correspondería a unha persoa educada. Pero preferín dedicarlle un sorriso apoucado dende o andel dos queixos de Burgos, manténdome a unha distancia prudencial da desfeita. Se cadra porque temín que a miña intervención provocase o derrubamento dun cartón de leite sen lactosa que faría escorregar un rapaz situado de costas a min, lance que estimularía así mesmo a propulsión dunha bebida de avea que sairía voando polos aires para abalanzarse sobre as robalizas e os xurelos, na peixaría, ocasionando un desprazamento masivo dos tesouros do mar que desataría o caos absoluto no recinto. Creo que a muller advertiu no meu xesto a prudencia aprendida dun vello camarada, fillo da mesma estirpe. Unha adhesión fraternal ao seu episodio. Honores para Peter Sellers.