As sete mulleres que premia o Día das Letras

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

FUGAS

Catro das Pandeireteiras de Mens, con Manuel Cajaraville, director artítico da AF Aturuxo
Catro dás Pandeireteiras de Mens, con Manuel Cajaraville, director artítico dá AF Aturuxo ARQUIVO AF ATURUXO

Eva Castiñeira, Adolfina e Rosa Casás e As Vellas de Mens cantaron con e sen pandeireta. O ritmo ía na vida. Aquí, unhas imaxes da súa

16 may 2025 . Actualizado á 12:26 h.

Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás Rama, Teresa García Prieto, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda, estas últimas catro integrantes das Pandeireteiras de Mens, son os sete nome propios aos que homenaxean as Letras Galegas este ano. Representan todo un corpus de cantareiras. Aquí, algunhas fotos e petiscos biográficos dunhas vidas que, sen pretendelo, foron extraordinarias. Parte destas imaxes recóllense no libro As voces da terra, que este 17 de maio La Voz de Galicia porá a disposición dos seus lectores por 1,95 euros máis o xornal

Icónicas: as de Mens, co seu home de confianza. Con el, a onde fose. Con outro, «Dios nos arredara». En conversa para La Voz no 1980, as Vellas de Mens manifestaban así a súa confianza no director artístico da agrupación Aturuxo, na que botaron vinte anos. A imaxe que encabeza esta información foi tomada nos soportais da Casa da Conga, en Santiago. De esquerda a dereita, Teresa Lema, Adela Rey, Cajaraville, Asunción e Manuela Lema. Teresa Lema e Adela non entran na homenaxe da RAG ao ter falecido hai menos de dez anos.

J. M. FERNÁNDEZ PENSADO / ARQUIVO AF ATURUXO

Auénticas: dentro e fóra dos escenarios. Alí por onde pasaban, as Pandeireteiras de Mens causaban sensación. Debaixo dos «panos de alfombra» ou «mantóns de caxemira», sempre as súas roupas de a cotío, negras, zapatillas e de cando en vez zapatos. Auténticas. Así percorreron Galicia, Portugal, Francia... A imaxe foi tomada no 1983 no salto Cola de Caballo, en Nuévalos, Zaragoza. Nela, Asunción, Prudencia, Teresa Lema, Adela e Manuela. Teresa García, si homenaxeada este ano, falecera xa no 1979.

ARQUIVO FAMILIAR / AF ATURUXO

A gran descoñecida: Teresa García, a primeira en falecer. O nome de Teresa García Prieto foi o último en sumarse á listaxe de homenaxeadas pola RAG, o sétimo. A ela, xunto ao resto das de Mens, abríuselle ficha de pertenza na agrupación folklórica Aturuxo no 1973, mais só tres anos despois enfermou e axiña falecería, no 1979. A súa presenza nas actuacións foi breve, mais é historia das Vellas de Mens.

Josefa Eva Iglesias Santos, fotograda en Loureiro, San Pedro de Visma, 1981
Josefa Eva Iglesias Santos, fotograda en Loureiro, San Pedro de Visma, 1981 PABLO QUINTANA

Forte e riseira: a «dansa» eterna de Eva Castiñeira. De Agranzón, Ozón, Muxía, nacida no 1925, Eva Castiñeira xa era nai de sete fillos cando migrou xunto co seu home a Loureiro, en San Pedro de Visma, A Coruña, onde nacería o oitavo. A imaxe foi tomada polo investigador Pablo Quintana durante o proceso de coordinación do volume discográfico 1 da serie Recolleita, ano 1981. É unha das poucas imaxes que hai posando de Eva con pandeireta. A voz da eterna «Dansa» contoulle que era de Agransón. Conservaba aínda, pois, o seseo e a forza da fala da Costa da Morte

Rosa Casás Rama, da Vila da Igrexa, nunha imaxe de mocidade
Rosa Casás Rama, dá Vila dá Igrexa, nunha imaxe de mocidade ARQUIVO FAMILIAR RICHI CASÁS

Liberdade: a honradez do traballo duro. Sobriña e tía, as cercedenses Rosa (1914-2005) e Adolfina Casás Rama (1912-2009) foron nais solteiras dos seus fillos. Labregas, con poucos recursos, mais traballadoras e libres de entrar e saír cando quixesen, de facer foliada e ruada. Rosa chegou a casar brevemente nunha etapa de emigración, mais axiña enviuvou. A diferenza de Adolfina, que só deixou A Vila da Igrexa natal nos últimos tempos, Rosa pasou tempo en Suíza, no Reino Unido e na Coruña, na Agra do Orzán. Na imaxe, á altura dos anos 40, Rosa Casás.

ARQUIVO FAMILIAR DE RICHI CASÁS

A Vila da Igrexa: o apeadoiro de Dorothé. Lavaban roupa, traballaban o liño, picaban pedra... Nin a Rosa nin a Adolfina lles faltaron traballos en tempos duros. A Vila da Igrexa foi sempre o centro do seu mundo. Viviron a chegada do tren no 1943, moito antes de que no apeadoiro desta fotografía baixase no 1980 a suíza Dorothé Schubarth, que acabaría tecendo con estas dúas mulleres un dos capítulos máis proveitosos e ricos do Cancioneiro Popular Galego. Na fotografía, Adolfina de camiño cara a súa humilde casa. Hoxe xa non baixan pasaxeiros na Vila.

ARQUIVO FAMILIAR RICHI CASÁS

Ata o final: con elas non faltaba a festa. Adolfina (na imaxe, con prato) e Rosa (pandeireta) eran garantía de festa e coplas alí a onde ían. Cantaron e tocaron ata o final, e a diferenza de Eva ou das de Mens, nunca pisaron un escenario. En ambiente familiar, tocan nesta fotografía na romaría do río Arnego, en Agolada, Pontevedra. Entre ambas, Rafael Casás, fillo de Rosa.