A cegueira dous disparos

Diego Ameixeiras

FUGAS

Mario Guzmán | EFE

25 oct 2024 . Actualizado á 05:00 h.

En Tepito, coñecido coma o barrio bravo da Cidade de México, un dos lugares máis perigosos de América Latina, sobreviviu durante varias décadas un cine de tamaño colosal. O Florida, unha espléndida sala con capacidade para sete mil cincocentas butacas, superior ao aforo do Radio City Music Hall de Nova York ou do Le Grand Rex de París. Tivo un final dramático. Arrasouno un incendio en 1988, e o seu lugar ocúpao agora unha praza de produtos chineses, espectadora dos enormes niveis de violencia que se rexistran cada día na barriada. Lino mentres xantaba na cafetaría do meu hotel, na esquina entre a rúa Isabel la Católica e a avenida Cinco de Mayo, moi preto do Zócalo. Pouco despois escoitei uns disparos. Ruídos de balacera, preludios de morte. Máis alá da fiestra había xente correndo espavorecida pola calzada, os coches aceleraban, non tardarían en aparecer as primeiras patrullas policiais e as ambulancias. Un deses caos emerxidos da aparente tranquilidade do momento. Todo sucedera no corazón da rúa Motolinia, a escasos metros de onde me atopaba. Camiñei ata alí. A policía estaba acordoando a zona, falábase dun home morto e de dous feridos graves. Os sicarios fuxiran en moto. Hai un poema de Zel Cabrera que di: «A veces lloro, así, solamente, / como quien sabe que su luz también es su ceguera». A cada esplendor lle chega a súa escuridade. Deixei atrás a marea de curiosos que invadían a avenida e pasei o resto da tarde percorrendo as librarías de vello da rúa Donceles, aínda co estrépito da balacera metido nos oídos. Cacei varios libros de Vicente Leñero. Imaxino que algún dos filmes que escribiu se puideron ver algún día no Florida, quizais ese prodixio titulado Los albañiles, adaptación da súa novela que dirixiu Jorge Fons. Era noite cando regresei ao hotel. Tres horas máis tarde voaba a Madrid. As noticias ofrecían novos datos sobre o acontecido en Motolinia: o ataque deixara ferida a Diana Sánchez Barrios, líder dos comerciantes informais do Centro Histórico, deputada suplente do PRI e sinalada pola súa presunta relación coa Unión Tepito, un cartel con forte arraigamento na cidade. Sucede que hai días estraños. Comezas descubrindo un cine fabuloso, a continuación percibes os olores da morte nunha esquina, logo pérdeste nunha catedral de papel impreso e rematas a dez mil metros de altura aferrado a un libro, esa luz contra a cegueira dos disparos.