As dúas mellores novelas do ano

Mercedes Corbillón

FUGAS

21 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Fernández Mallo dixo o outro día en Cronopios que a documentación é un bloque de cemento que afunde a literatura ata o fondo. Seguro que pensaba neses textos oportunistas que buscan un tema, unha época ou un personaxe suficientemente pintoresco para escribir unha historia que pretenda chegar ao gran público.

Anotei a frase, que me pareceu colorida e brillante, como el. Ao día seguinte empecei a ler o último de Clara Usón que veu desmentir a afirmación. A ela interésalle a ficción como canle para contar a historia, non coa arrogancia de quen fai un resumo e dá unha explicación, senón coas ferramentas dos que indagan e diseccionan na estraña materia que nos conforma intentando discernir quen somos. É capaz de construír uns personaxes complexos e tan ben creados como case ninguén neste país. Clara non cre en Deus, pero si en Chéjov e, sen que ela o diga, segue os pasos de Tolstói. Seguro que el se documentou para escribir sobre a campaña de Napoleón mentres escribía Guerra e paz. Como as do ruso, as novelas de Clara contan a historia. A que lle interesa é periférica, coñecida e ao mesmo tempo esquecida. Agora non son os Balcáns, como nA filla do este, senón o País Vasco nos anos duros de ETA e os GAL. Hai unha parte, case xornalística, onde os feitos se contan conforme o sucedido, con especial atención á figura de Idoia López Riaño, unha muller moi bela, filla de emigrantes que matou en nome do nacionalismo a un bo puñado de persoas. Pero a narración se aúpa nos personaxes inventados, como esa moza filla de policía, un tipo machista e bastante detestable que acabará asasinado, que esconde a súa procedencia, como facían todos, para levar a súa vida de adolescente nun lugar marcado pola violencia e polas drogas, ou ese axente retirado que defende a chapuza infame dos GAL cunha voz que está lejísimos da propia autora. Cada vez que a leo, penso que debería ser un tótem das nosas letras, pero, por algunha razón, case ninguén a coñece. Non importa, o tempo porá os seus libros no lugar que lles corresponde.

Creo que ambos escribiron as mellores novelas do ano.