Javier Pena, autor de «Agnes»: «Escribir na sombra para os conselleiros acábache afectando»

FUGAS

XOAN A. ADOITAR

Triunfou co seu debut, «Infelices», e agora o que foi asesor político regresa ás librerías cun adictivo «thriller»

14 oct 2021 . Actualizado ás 18:12 h.

De trámaa coral de Infelices ao thriller psicolóxico con Agnes (Blackie Books). Javier Pena (A Coruña, 1979) escribiu as primeiras letras do seu segundo libro no 2017 pero non o pechou ata marzo do 2020, cun pé na pandemia. O que foi asesor de dous gabinetes da Xunta ao longo de sete anos nos que redactou máis de mil discursos de conselleiros, volve sorprender cunha novela que engancha e na que non esquece o seu universo compostelán. Agnes é a historia dunha obsesión: a dunha xornalista por desenmascarar ao autor do momento, un home sen rostro, Luis Foret.

­-Sente a presión do segundo libro, o que pode asegurar a consagración como autor?

-Si, hai moito máis vertixe. Con Infelices non tiña ningunha expectativa real. Agora que xa viviches ese ciclo das novelas é inevitable comparar e eu, que son un pouco obsesivo, si que comparo. Esta novela supón un xiro. Segue estando a mesma voz, pero o xénero e a forma de abordar a historia son moi diferentes. É difícil abstraerse do exame cuantitativo e cualitativo. Teño moitas ganas de saber que lles está parecendo aos lectores.

­-Preséntase como xornalista ou escritor?

-Non se se chegará o día no que poida dicir que son escritor sen que me soe un pouco a farsante. Ségueme parecendo unha palabra demasiado grande. Entendo que son escritor porque publiquei dúas novelas cunha editorial que está facendo un traballo incrible, pero cústame dicilo e cústame recoñecermo.

­-As persoas que teñen a mala sorte de cruzarse co protagonista do seu libro son todas mulleres. Cal é a mensaxe?

-Quería contar unha biografía de alguén que se describe a través das mulleres da súa vida e que, doutra banda, ten o infortunio de que todas as persoas coas que se xunta dunha forma estreita acaban morrendo ou sufrindo unha desgraza. Foi ao final cando me dei conta de que non era casualidade que fosen mulleres, que Luis Foret absorbese as súas historias, utilizáseas e acabase facéndose famoso e rico á conta delas. Detrás hai unha realidade bastante dura: o home que utiliza o talento e mesmo a vida das mulleres para medrar.­

-«Agnes» é tamén a historia dunha obsesión: a de desenmascarar a alguén a quen se venera. Pasou por un transo así?

-Son moi obsesivo, tiven moitas obsesións con moitas cousas, pero non especificamente con persoas. Intento escribir do que sei, das profesións que coñezo. Traballei moitos anos como xornalista, primeiro nun xornal deportivo e despois como asesor. Agora escribo libros e fago talleres de escritura creativa. En Agnes hai unha pequena crítica ao mundo do xornalismo actual: precario e de declaracións. Durante moito tempo da novela, Agnes trágase todo o que lle di Foret sen contrastar. Algo que sucede moito no xornalismo actual polas présas.

-Agnes convértese nunha sorte de escritora pantasma, a biógrafa de Foret, aínda que o seu nome si estará na cuberta. Isto é autoficción ou pura invención?

-Dalgunha forma, como asesor na Xunta, tamén fun un pouco escritor pantasma. Escribía prólogos e discursos que ían coa firma do conselleiro ou conselleira para quen traballaba. Esa perda de identidade, o feito de traballar co nome do outro, a longo prazo acabas notándoo psicoloxicamente.

-Os escritores ocultos non son a excepción, están moi presentes no mercado editorial. Algúns mesmo escriben superventas, aínda que non os coñezamos.

-No caso dos personaxes famosos que non saben escribir libros, pero publican unha biografía, penso que debería ir asinada tamén por quen a escribiu realmente. O contrario é enganar á xente.

-Algunha vez encargáronlle unha biografía?

-Pois si. Fixéronme un encargo dunha biografía dun político suramericano que ao final non saíu. Foi algo moi marciano. O pasase fatal porque son moi tímido, pero de aí sacaría, seguro, outro libro. Encántame cando me pasan cousas raras, digo: «¡Aquí hai unha novela!».

-Luis Foret, o seu protagonista con Agnes, é unha Elena Ferrante dos nosos días.

-Si, a idea da novela xórdeme precisamente por Elena Ferrante. No 2017 o fenómeno Carmen Mola non existía aínda e esta moda do misterio do autor descoñecido, como un produto editorial para vender, como que din que é Luis Foret, multiplicouse nos últimos anos. Houbo unha investigación para tratar de saber quen era Ferrante, especulouse cunha tradutora por uns movementos na súa conta, pero non se puido demostrar. Detrás desa idea de Luis Foret está un pouco esa crítica a certos produtos editoriais. O mundo cultural é unha industria na que podes pór o acento na industria ou na cultura. Acadar o equilibrio é o desexable.

-Prefire indagar ou descoñecer?

-Cando indagas demasiado en algo, ao final, acaba perdendo a súa graza porque as cousas son máis mundanas e humanas do que creemos. As persoas que veneramos son como nós e teñen defectos. Se queremos seguir idolatrándoas así, é mellor non achegarse.

-Bota de menos o xornalismo?

-Creo que non era un bo xornalista porque non era capaz de que a xente se abrise comigo cando apagaba a gravadora. É aí onde realmente xorden as noticias e os fíos polos que investigar.

-Felicitárono os seus xefes da Xunta?

-Os meus xefes na Consellería de Cultura estiveron o outro día na presentación de Agnes en Santiago e tamén foron á de Infelices. O exconselleiro, Roberto Varela, felicitoume a través das redes pola primeira novela. 

-Coa súa traxectoria, non se expón un «thriller» político para a súa terceira novela?

-Fai catro anos que non remato un borrador e teño ganas de pórme coa terceira novela. Hai varias ideas e ningunha é de momento un thriller político. A miña experiencia gárdoma porque igual a utilizo máis adiante, pero agora non é do que máis me apetece escribir.

«Agnes»

Javier Pena

EDITORIAL Blackie Books PÁXINAS 288 PREZOS 19,95