Sente a éxtase da música en 185 fotografías

FUGAS

Javier Bragado

«Live and Loud» (Libros.com) recolle 185 fotografías dunha obra na que manda o rock e o metal, pero que se abre tamén a outros artistas á marxe deses xéneros

09 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Andan por aí, durante os primeiros minutos dun concerto, nos fosos dos escenarios. Portan cámara e disparan a contrarreloxo en busca do clic definitivo que lles permita capturar a foto-resumen da actuación. Son os fotógrafos musicais. «Traballas moitas veces con poucos minutos e cun ritmo frenético. Ás veces dásche conta de que tes a foto en canto a feixes e outras non o sabes ata que ves o que fixeches», explica Javier Bragado. Leva doce anos neses fosos. Tamén nos estudos e a rúa. Pero sempre facendo fotografía musical.

O ano pasado, aproveitando o parón da pandemia, púxose a recompiar o seu traballo e recuperou unha idea que xa barallara no pasado: facer unha antoloxía da súa obra nun libro. O resultado é Live and Loud (Libros.com), un álbum editado en formato de luxo que recolle 185 fotografías dunha obra na que manda o rock e o metal, pero que se abre tamén a outros artistas á marxe deses xéneros que requiren os seus servizos. «A idea é que fose un pouco resumo de todo este tempo. Maioritariamente, estiven nese mundo roquero, pero tamén fixen outras cousas», di o autor.

Nas súas imaxes repítese moi a miúdo unha sensación: a da éxtase roquero do músico tocando con toda a súa alma. Neste volume podemos ver a grupos como Mr. Big, Scorpions, Slayer, Steve Vai, Linkin Park, Death Angel ou Korn con toda esa emoción conxelada. «O libro non deixa de ser algo persoal. Os que facemos fotos, ao final, mostramos á xente como vemos nós as cousas. É normal que persigas o que máis che atrae. Eu busco esa enerxía, esa forza e esa violencia sonora», sinala. Nesa mirada non se rehúye en absoluto a luz. Ao contrario, as fotos parecen enmarcarse nelas. «Si, é unha das cousas que sempre procuro. As luces son parte fundamental do espectáculo. E o que queres é transmitir todo ese choque e a luz lévache a todo iso. Eu creo que é o mellor xeito de representalo».

Nas páxinas de Live and Loud sucédense mitos e máis mitos. AC/DC. Metallica, Anthrax, Foo Fighters, Guns n' Roses, Helloween, Slipknot, Judas Priest, Aerosmith e King Diamond son algúns. Négase a dicir os seus favoritos no foso. «Iso é moi complicado. Hai moitos grupos que molan, pero logo para traballar man a man aí pasas á experiencia persoal e cólleslle cariño á xente segundo trátanche. Os mozos de La Oreja de Van Gogh podería parecer que non están na liña do que eu fago. Pois me flipa traballar con eles. Porque son xente marabillosa, cos que todo é doado e todo é a favor de obra».

Si, Bragado tamén se move fóra desa liña rock-metal. No seu libro aparecen instantáneas con Beret , Melendi, Rosalía ou Fuel Fandango. Tamén unha bonita foto final dun pai co seu neno aos ombreiros tomada no Resurrection Fest de Viveiro. Homenaxea ao festival que o viu crecer», pero tamén mostra o desexo común de que a música en directo volva como antes de marzo do 2020.