Allova: «O piano é unha parte do meu corpo»

FUGAS

«Hope & Despair» é o debut do proxecto de Alla Mikhaylova, un disco de pop electrónico cuxos claroscuros encaixan perfectamente en tempos pandémicos

17 abr 2021 . Actualizado ás 23:01 h.

Na primavera do 2020 estaba previsto que vise a luz o primeiro álbum de Allova . Pero, como tantos outros proxectos musicais dese momento, o disco viuse atravesado polo raio da pandemia. «Empezaramos a gravar e levabamos tres temas cando nos confinaron», lembra Alla Mikhaylova, a artista rusa afincada na Coruña que comanda a nave. «Fixemos un parón e, como se di no mundo do emprendimiento, tivemos que pivotar, buscando outra saída», engade. Iso levouna a un goteo de singles que agora desemboca en Hope & Despair, o elepé. Ve a luz un ano despois do previsto.

­-Aínda que as cancións se crearon antes da pandemia, o certo é que o disco se adapta moi ben a estes tempos. De feito, titúlao «Hope & Despair» (esperanza e desesperanza). Fíxoo con esa intención?

-Si, a verdade é que me cadrou o quebracabezas [risos]. O disco trata, en gran medida, das relacións amorosas e persoais. Tamén reflicte moito o meu carácter, porque son unha montaña rusa emocional. Un día podo estar pletórica e outro, deprimida. Cando ocorreu todo isto coa gravación, dicíalle ao meu marido: «É que é tal cal o que me está pasando agora». Ese título defíneo perfectamente.

­-Fálase de pop electrónico, pero, sobre todo, vese un apego moi grande co «trip-hop». Quería reivindicar o xénero?

-Inicialmente ía ser aínda máis trip-hop, pero non quixen pecharme a un único estilo. A miña música non é feita nun 100 % por máquinas, pero é que no trip-hop tampouco pasaba iso. Eu quería mesturar sons feitos con computador e con instrumentos acústicos. Iso non vai desaparecer da miña música nunca.

­-É o piano o eixo gravitatorio da súa música?

-Si, moitas intros son con piano e é o meu instrumento principal, mesmo antes que a voz. Eu empecei sendo pianista, tocando desde os seis anos. É como unha parte do meu corpo [risos]. Por iso mantiven ese son un pouco clásico, para levar á xente á miña background. Aínda teño moito toque clásico.

­-E, imaxino, a necesidade de ser tecnicamente perfecta, por amais da media do que se escoita no pop.

-En pop case nunca escoitei piano tirando a clásico. Unha das miñas grandes influencias é James Blake e toca moi ben. Vese que ten escola clásica detrás. Sen dúbida, iso nótase.

­-Sempre mostrou unha actitude feminista no seu proxecto.

-Quero apoiar esa causa, a igualdade e o respecto entre xéneros. Sempre escoitei en mozas iso de «non me atrevía a iniciar o meu proxecto porque non tiña referencias». E o que quero é que todas vexan que é posible. Eu son muller, non teño padriños, non teño pais ricos, non teño discográfica, creei o meu propio selo e tiramos adiante cun espírito emprendedor. Levo dous anos así.

­-A recordo na presentación dos proxectos do coworking de emprendimiento musical da Fundación Paideia. Chegou alí con gráficas, números e un plan de negocio moi armado. Ten alma de empresaria?

-Si, aquilo tomeimo moi en serio e para min era un proxecto empresarial. Ese curso serviume de moito. Foi cando empecei a ver as cousas claramente. Aínda que fagas unha música brutal, se non tes eses dotes comerciais, non vas chegar a ningunha parte. É unha pena. Hai xente talentosa que non se sabe vender. Estar a agardar a que che fiche unha discográfica hoxe en día é vivir nos mundos de Yupi. Non vai pasar, é unha lotería. Síntoo moito, pero ou che buscas a vida ou che dedicas a outra cousa, tes isto como un hobby e ganas 100 eurillos de cando en vez. Se o que queres é que che dea para vivir, tes que pórche as pilas e traballar moito.

­-Vén de Rusia, inicia este proxecto en Madrid e remata na Coruña. Como foi iso?

-Acabei na Coruña por culpa do meu marido, o típico [risos]. Coñecémonos en Madrid e, tras un tempo, el quería volver. Eu apoieino, porque me encantaba A Coruña. Xa empezara un proxecto turístico de levar turismo ruso a Galicia.