«Litle Fires Everywhere», unha versión máis racial e dramática

FUGAS

Internet

26 jun 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Izzy é lesbiana, Mia e Pearl son negras, Elena tivo un gran amor... A nova serie protagonizada por Reese Witherspoon e Kerry Washington que está a emitir Amazon Prime revisita o libro superventas de Celeste Ng Pequenos lumes por todas partes para imprimirlle un carácter novo. As diferenzas entre o libro e película son neste caso moi rechamantes, tanto que mesmo se ofrece un final (que non direi) diferente. Acertan?

Little Fires Everywhere, a serie tomou o nome en inglés, segue os destinos entrelazados dunha familia acomodada e modélica, os Richardson, e dunha enigmática nai e a súa filla que lles farán cambiar as súas vidas de forma radical. A maternidade e as diferentes formas de exercela son o tema que subxace á maraña de segredos, conflitos de identidade, raciais ou sexuais que expón a versión televisada. Todo salpicado dunha alta dose de drama e tamén refinamiento, moi no estilo do Big Little Lies de Reese Witherspoon. E si, o produto final resulta atractivo e engancha.

E para conseguilo, é certo, foi necesario modificar e sacrificar algunhas das partes máis interesantes do libro escrito por Celeste Ng no 2017. Así, a profundidade do personaxe de Elena, que interpreta Reese Witherspoon, queda moi mermada, xa que os seus intensos monólogos interiores substitúense por unha vella aventura amorosa e unhas relacións máis tensas coa súa filla menor. Unha filla á que no libro se insinúa rebelde e singular e que na serie pasa a ser abertamente lesbiana. Os tempos cambian.

Sin duda, a maior sorpresa é que a nai e a filla que rompen a estabilidade dos Richardson, Mia (Kerry Washington ) e Peral (Lexi Underwood), son negras. Un detalle que en libro xamais se menciona polo que o lector entende que son brancas. O racismo, que estaba xa na novela a través da adopción dun bebé asiático, pasa a ser o eixo central. En especial, ese de tipo inclusivo que tan ben pon en práctica a señora Richardson.