Pandereteiras en modo «cool»

TEXTO: CARLOS CRESPO

FUGAS

cedida

Veñen de poñer patas arriba a escena da música tradicional. Hai dúas semanas encheron a sala Capitol como se de estrelas do pop se tratase. Chegan a onde case ninguén chegou cun discurso fresco, espontáneo, actual e comprometido. Se cadra, de aí esa brutal conexión

15 jun 2018 . Actualizado ás 09:15 h.

Fuxen dos tópicos como quen ve ao lobo. A sabendas de que no mundo da música tradicional os tópicos non só adoitan ser refuxio senón substancia esencial. Convertéronse, case sen querelo -xunto a Xabier Díaz e as súas Adufeiras- en icono dun novo xeito de entender e, sobre todo de presentar, a música tradicional galega. Hai un ano apenas ninguén sabía das Tanxugueiras. Hoxe nos foros tradis non se fala doutra cousa, todo o mundo quere gravar con elas e son convidadas ata para participar en festivais de blues. Hai quince días presentaron en directo o seu primeiro e abrumador disco, no que se afastan do formato cru das pandereteiras para, arroupadas por unha banda de catro músicos, abrazar harmonías e arranxos moito más variados e complexos. E foron quen de colgar o cartel de non hai billetes na compostelá sala Capitol, circunstancia reservada ata o de agora para consagrados artistas doutros xéneros.

Pregúntolle a Sabela Maneiro, unha das tres Tanxugueiras, se indagaron xa en por que todo isto aconteceu. «Eu creo que é a naturalidade. Somos rapazas dos nosos tempos, vestimos como elas, escoitamos todo tipo de músicas, temos as súas mesmas inquedanzas... Todo iso inflúe en que se xere unha conexión que ao mellor non se produce en quen está só centrado no mundo tradicional», di.

Que a conexión existe é indubidable. Musical, conceptual e estética. O público que o outro día ateigou a Capitol non era integramente tradicional. Había quen estaba alí porque hoxe é cool ir a un concerto de Tanxugueiras. E iso pode resultar un gran paso adiante. Maila que non falten voces que critiquen semellantes concesións. «Somos conscientes de que hai un sector reacio a que se visibilice o xeito que nós temos de entender a música tradicional. Pero tráenola á expectativa. Nunca tivemos medo. Nin as críticas nin ao que nos dixeran. Facemos o que nos sae. E se o que nos sae non é o mesmo que o que facía a vella da que rescataron a canción dános igual. Porque aquela vella non sempre foi vella. Seguro que de nova cantaba doutro xeito», espeta Sabela.

Outro dos tabús que están a saltar polos aires coa irrupción de Tanxugueiras é o da mestura entre xéneros musicais. Esta mesma semana veñen de presentar un tema que é froito da colaboración coa banda de metal Nao e cos rapeiros de SonDeRúa. «É importante que a xente vexa que o cántico tradicional e as pandeiretas poden encaixar sen complexos en calquera tipo de música. Como di esa canción ‘somos na vella un alalá, no pub un punk e no barrio un rap’. A música é un idioma universal e todos vimos e vivimos na mesma terra».

Para Sabela Maneiro a clave e a chave do futuro está en «normalizar e dar vida a unha música que parecía que era de vellos». Tamén o rock ou o blues foron músicas tradicionais, lembra, e tiveron unha evolución ao longo do tempo. «Porque ou evolucionas ou morres».

O empoderamento da muller é outra das constantes que sobrevoa todo o quefacer de Tanxugueiras. «Forte e libre», proclamaban nas camisolas que luciron no seu concerto de presentación. «Necesitabamos expresar o que nós sentiamos. A música é un mundo de homes. Pero a música tradicional foi territorio das mulleres e nós reivindicamos con orgullo ese papel».

Convertidas xa nun referente e con voz en moitos foros Sabela e Olaia Maneiro e Aída Tarrío son conscientes de que a mensaxe de Tanxugueiras pode impregnar nunha parte substancial da mocidade galega. Aínda así, matizan a súa influenza. «Non cremos que sexamos salvadoras de nada. E moito menos da música tradicional. Pode que sexamos o comezo de algo. De momento só iso. Non queremos velo como unha responsabilidade. A responsabilidade é de todos. Estamos loitando porque o noso non morra pero entendemos que todo isto está cambiando. Seguiremos rindo e seguiremos a loitar nesta fermosa tolería».