Rivas fai unha cartografía do tempo que vivimos

RAMÓN NICOLÁS

FUGAS

Quique García

Afirma Manuel Rivas neste libro, referíndose a Saramago, que este conseguía que falase a «boca dá literatura, a que non se deixa dominar». Permítome aplicar ao escritor coruñés idéntico aserto.

27 may 2018 . Actualizado ás 20:21 h.

Fala Rivas neste libro a boca da literatura e mais tamén a da liberdade e a do pensamento crítico: de todas estas bocas estamos cada día máis precisados. Contra todo isto, así pois, é un libro de xornalismo, pero ao tempo é literatura, literatura poderosa desa que arrastra e exerce un feitizo difícil de definir desde a primeira palabra. E, xustamente, a primeira palabra articúlase como un manifesto rebelde, inserido na mellor das tradicións deste tipo de textos cando hai substantivas razóns para facer pública unha reflexión encol dunha realidade precaria que, por veces, non entendemos, e noutras ocasións non nos atrevemos a mirar aos ollos.

Rivas constrúe un libro que, entre as súas virtudes, e alén dese manifesto inicial que debería ser de lectura obrigatoria nas escolas, posibilita axudar a que calquera se faga preguntas. Se cadra a pregunta fundamental é a que se formula baixo os parámetros dun estado de cousas que debuxa un labirinto sen aparente saída alimentado pola corrupción, a impunidade, o secuestro e a castración cultural, os eufemismos manipuladores, o machismo como sistema, o feminicidio, a burocratización do ensino ou a redución crecente da liberdade persoal e colectiva, esa que para coidala precisa do líquido amniótico da memoria. Neste sentido en ocasións asoma, aquí e alá, tanto o privativo que ilumina con brillantez as metáforas do noso tempo como esas voces baixas, formuladas cunha meridiana claridade que nos mergulla no que denomina como recorrente distopía que alenta na nosa atmosfera: esa que bebe no conformismo acrítico daquela transición intransixente da que tamén falaba Lueiro Rey. Non é este, contra o que poida parecer, un libro dominado pola desesperanza; antes ben deseña camiños de futuro, pois está habitado tamén por historias modélicas e emocionantes, cuestiona e procura o porqué das cousas e promove un activismo solidario e positivo. Entendo Contra todo isto como unha cartografía do tempo que vivimos construída co escalpelo da memoria e da palabra viva. Necesario para sacar a venda dos ollos ou para que non nolos ceguen máis.