Sen fondo de armario e coa enerxía xusta

Pablo Abuín

FORZA BREO

LAURA LEIRAS

25 may 2025 . Actualizado á 22:20 h.

O Breogán chega tocado a este final de tempada. E é que, á baixa de Hilliard, únense os contratempos físicos de dúas figuras importantes na rotación como son Jordan Sakho, para min vital neste Breo, e Edin Atic.

As baixas non xustifican o frouxo inicio de partido dos lucenses, despistados en defensa, sobre todo demasiado desaxustados cun grande anotador como é Homesley. En ataque, moitos problemas para atopar ao referente ofensivo durante as últimas xornadas, Dae Dae Grant, que a maiores foise ao banco por problemas de faltas.

Pero o Breo tiña que volver ao partido, e coa entrada da segunda unidade, liderada pola dirección de xogo de Mavra e a enerxía de Eric Vila, os celestes fóronse achegando no marcador antes do descanso. Á Gran Canaria xa lles custaba máis mover o balón como lle gusta a Lakovic e botaron en exceso cando os de Casimiro propuñan defensa de cambios no bloqueo directo.

Na segunda parte o Breo saíu enchufado e todo facía presaxiar un final emocionante, pero nese momento emerxeu o talento do persoal visitante, moi compensada. Facilidade para anotar de Tobey ante un Apic con moitos menos centímetros e grande acerto desde o triplo de Brussino e Homesley. Un parcial espectacular nun dicir amén que sentenciaba o encontro.

Era o último partido e o Breo tiña que intentalo ata o final. Apareceron algúns escintileos de Grant e de novo Eric Vila, moi acertado, para baixar a vantaxe. Pero a enerxía local ía moi xusta, mentres que os visitantes, cunha rotación de dous xogadores por posto de moito nivel, non baixaron a garda.

Finaliza a tempada no Pazo. Outra máis na que gozamos do espectáculo dunha das mellores ligas domésticas de Europa. O noso equipo, especialmente desde a chegada de Luis Casimiro, competeu de xeito brillante. O ano que vén máis e oxalá cunha nova participación en Europa. Forza Breo!