O Río Breogán avista outra marca na liga Endesa, o de triplos intentados

FORZA BREO

ALBERTO LÓPEZ

Superadas as 300 canastras de tres nun curso por primeira vez na súa historia, está a só dez tiros de bater os 892 da pasada tempada

20 may 2025 . Actualizado á 19:12 h.

Á marxe doutros motivos, se o Río Breogán leva xa varios partidos desposuído de presión e gozando dun pracenteiro final de travesía é tamén pola súa destreza e regularidade nos triplos. Unha vez superado o total de canastras de tres puntos nunha tempada —era de 283 e xa leva 321—, o conxunto lucense ten a tiro outra marca particular desde a distancia e non é outro que o de lanzamentos intentados. Leva 883 e o tope está nos 892 que lanzou a pasada tempada.

FRECUENCIA

Unha media de 27,6 por encontro, o décimo no ránking da competición

O Río Breogán está entre os equipos que máis recorren aos triplos para sumar vitorias. Á falta de só tres xornadas para a conclusión da fase regular, guinda unha media de 27,6, por encontro, polo que todo apunta a que xa na visita do Gran Canaria, este domingo a partir das 17 horas, quedará rexistrado unha nova marca breoganista de triplos lanzados nun curso na ACB. Coa frecuencia que leva, acabaría a tempada con preto de 966 lanzamentos. Hai nove equipos máis insistentes que o Breo nos seus tiros desde fóra do arco de 6,75: o Valencia (35,8), o Manresa (29,8), o Leyma Coruña (29,3), o Unicaja (28,6), o Bilbao (28,4), o Xirona (28,3), o Zaragoza (28,1), o UCAM Murcia (28) e o Lleida (27,9).

efectividade

A mellor porcentaxe desde a tempada 2005/2006

Os homes de Luis Casimiro converteron 321 dos seus 883 tiros de tres puntos. A súa porcentaxe de acerto é do 36,4%, que o sitúa no noveno posto da estatística da liga Endesa, por detrás do Barcelona (40,3), o Tenerife (38,7), o Unicaja (37,6), o Joventut (37,3), o Gran Canaria (37,2), o Andorra (37,1), o Valencia (37,1) e o Baskonia (37). Así mesmo, o rexistro é o mellor do equipo lucense nos seus cinco últimas tempadas na liga Endesa. Na campaña 2005//2006, con Moncho López no banco e grandes lanzadores como Nebojsa Bogavac ou Marco Carraretto, entre outros, os celestes presentaron unha porcentaxe de acerto do 36,6% tras 34 partidos.

no persoal

Dae Dae Grant, o xogador celeste que máis o intenta

Sen Darrun Hilliard no equipo —deixou ao equipo para irse a Rusia—, Dae Dae Grant é o xogador do persoal breoganista que máis o intenta desde máis aló da liña de 6,75. O base estadounidense lanza unha media de seis tiros por partido e é o actual guerreiro de Luis Casimiro con máis canastras de tres puntos no seu haber (54). En toda a competición tan só hai catro xogadores cunha media de triplos lanzados máis alto que o de Grant: Markus Hoeward (8,4), do Baskonia; Yunio Barrueta (7,9), do Leyma Coruña; Derrick Alston jr. (6,5), do Baxi Manresa; e David Kramer (6,4), do A Lagoa Tenerife.

Toni Nakic, o máis certeiro

No bando breoganista, Grant é o máis insistente desde o triplo e Nakic o máis eficaz. O exterior croata presenta unha porcentaxe de acerto do 47,6%, o mellor do seu equipo —sen contar o de Apic, quen anotou o único que lanzou— e o terceiro máis alto da liga Endesa. Killian Tillie (54,2), do Unicaja, e Josep Puerto (49), do Valencia, son os únicos máis certeiros que o exterior celeste.