Walter Tavares, xogador do Real Madrid: «Acórdome do Breogán e sígoo desde hai moitísimo tempo por Betinho»
FORZA BREO

O pivote caboverdiano é lenda do equipo madridista, líder da liga Endesa
10 may 2025 . Actualizado á 22:10 h.Walter 'Eddy' Samuel Tavares dá Veiga (Maio, 1992) é seguramente o pivote máis determinante de Europa. Un 'cinco' intimidador, finalizador, con xogo ao poste, moi áxil para a súa altura e moi fiable desde o tiro libre. Cumpre a súa oitava tempada no Real Madrid e renovou o pasado verán ata o 2029. Gañou 4 Ligas, 2 Euroligas, 2 Copas e 6 Supercopas co Madrid. Foi elixido o MVP da Euroliga en abril e marzo desta tempada. Visitou o Pazo en cinco ocasións: unha co UB A Palma e catro co Madrid. Dúas vitorias e tres derrotas nas súas visitas a Lugo. O Breogán recibe ao Real Madrid, líder e con 18 vitorias consecutivas, este domingo no Pazo dous Deportes de Lugo (18.30 horas, Movistar Deportes).
—Como foi esta semana atípica sen partido desde o pasado domingo?
—Si, foi diferente porque estabamos nun ritmo de Euroliga con máis partidos que entrenos. Agora hai máis entrenos que partidos. Hai que axustarse e adaptarse á nova rutina que temos nós, intentar planear os adestramentos da semana para chegar o mellor posible ao fin de semana para xogar un bo partido.
—Vostede prefire xogar ou adestrar?
—Eu prefiro sempre xogar que adestrar, iso sempre (ri). Somos xogadores para os partidos, é para o que adestramos, é para o que queremos ser xogadores. Cantos máis partidos, mellor. Tócanos agora isto esta tempada e temos que facelo o mellor posible para rematar ben a liga.
—En que estado de forma está o equipo?
—Estamos ben. Agora temos un mes un pouco raro con poucos partidos durante o mes. Agora temos que comprobar que nivel temos cada fin de semana para ver como estamos. Non che podo dicir como estamos exactamente. A ver como nos imos adaptando á nova rutina que temos.
—Renovou o pasado verán ata o 2029. Que foi o que máis priorizou na súa decisión?
—O que priorizaba máis era quedar aquí no Real Madrid e ser un dos xogadores que pode quedarse aquí moito tempo, deixar unha marca, estar aquí coa miña familia. A min encántame España, encántame vivir aquí. O meu obxectivo foi sempre quedar aquí, por iso non falei con ninguén ata que acabou a tempada. Despois da liga xa nos sentamos. Ao final rematei quedándome aquí, que era o que quería, así que estou moi ben e moi feliz.
—No verán volveu Usman Garuba, co que xa xogara no Real Madrid. Como se atopa cando coincide con Garuba en pista e el xogando ao catro?
—Oh, moi ben! Usman é un tío que sempre dá o cento por cento, axúdanos moito en defensa, axúdanos moito tanto en defensa como en ataque. El vén da NBA, é normal que lle custe outra vez adaptarse á nova rutina, volver estar como estaba cando xogou no Madrid na súa primeira etapa. A medida que avanza o tempo vaise adaptando máis e agora véxoo moi ben. Xa non é o Usman que saíu da NBA e si máis o Usman que se foi á NBA.
—O verán pasado non renovou Vincent Poirier, un compañeiro moi importante na súa mesma posición. Como viviu a marcha de Poirier?
—Con Vincent era un pouco inxusto ter dous xogadores de tan alto nivel na mesma posición xogando no mesmo equipo na Euroliga. A xente non vía o afortunados que eramos no Madrid tendo dous xogadores así nun mesmo equipo. El ten que mirar pola súa cabeza, así o fixo e mellor para el.
—Que destaca de Dzanan Musa?
—A súa persoa, é moi bo ser humano, unha persoa moi próxima. Querémolo todos, sempre está aquí para axudar, sabemos que é un animal competitivo, un anotador compulsivo, sempre quere gañar e quere dar o máximo no campo. Fóra do campo todos queremos estar ao seu ao redor porque é un tío que é moi gracioso e moi divertido.
—Alberto Abalde está a xogar seguramente a súa mellor tempada das cinco que leva no Real Madrid. Xa finalizou moi ben a tempada pasada. Como o está vendo?
—Eu a Alberto vino ben desde que chegou. Eu son dos que pensaba que tiña que xogar sempre máis tempo, eu así o pensei sempre. Non penso que estea a xogar mellor esta tempada e a anterior. Alberto fíxoo ben, só que non tivo demasiadas oportunidades de estar no campo. É unha peza súpers clave para nós. Sempre se deixa a vida. Un xogador así ten que xogar sempre, non tivo a oportunidade porque se cadra aquí hai demasiada competitividade e tamén tivo algún problema de lesión. Sempre tería que xogar máis tempo desde que eu estou aquí e desde que el fichou polo Madrid.
—Atópase especialmente cómodo xogando situacións de dúas por dúas con Alberto Abalde? É un xogador que pode desempeñar todas as posicións exteriores.
—Con Alberto sempre. A min gústame defender, gústame empezar desde atrás os partidos. Entón, con Alberto é perfecto porque me encanta xogar con el, búscame moito e sempre nos entendemos, sempre nos estamos comunicando para saber como temos que xogar. É dos meus xogadores favoritos cando estou no campo.
—Teñen un persoal de 14 xogadores do primeiro equipo esta tempada. Normalmente tiñan máis xogadores. Faltoulles un pouco de rotación?
—Bo, foi un pouco de todo. É un pouco difícil. Tampouco podes predicir o que vai ser. Antes de empezar a tempada cres que vai ser unha gran tempada e non foi así. Tivemos moitos altibaixos e cando collemos a boa serie logo chegaron fichaxes novas, había que adaptarse a eles outra vez. Foi unha tempada con moitos altibaixos, pero non baixamos a cabeza e estivemos loitando. Ao final estivemos onde queriamos estar, é dicir, na final da Copa, nos play-offs da Euroliga e con opcións de poder seguir loitando para clasificarnos para a Final Four. Non foi así porque xogamos contra un grande equipo, pero polo menos intentámolo ata o final, todo o que puidemos. Agora temos que loitar pola liga e seguir cara adiante.
—Coa experiencia que vostede ten xa sabe manexar e controlar os picos de forma durante unha tempada, especialmente en febreiro e na primavera?
—Non, eu sempre quero estar ben en todos os partidos (sorrí). Sempre teño a pelexa comigo mesmo para ser consistente en cada partido e estar concentrado en todos os partidos. Ás veces non sae así porque ocorren moitos factores. Non todo depende de ti, hai factores que si dependen de ti, pero outros non, ti non podes predicir o que vai pasar nun partido. Entón, a miña loita sempre é intentar estar en todos os partidos ao máximo nivel para axudar ao equipo. Ás veces non é así, pero polo menos ir coa mentalidade de estar ben e ser consistente en todos os partidos. E, por exemplo, cando chegan momentos como o de marzo, que foi moi importante para nós e onde xogamos partidos que eran todos finais, fixémolo moi ben, pero os demais tamén o fixeron ben, así que rematamos a tempada regular da Euroliga con moitos empates. Así foi. Mereciámonolo/Mereciámosnolo porque non empezamos ben a tempada.
—Como é Chus Mateo?
—É un adestrador moi flexible, un adestrador que escoita a todos, escoita aos xogadores, escoita as opcións para que nós esteamos máis cómodos no campo. Iso é moi bo para nós os xogadores porque nos escoita e el ve o que é mellor para o equipo. Decide o mellor para que nós esteamos ben no campo e sen moitas dúbidas.
—Vostede publicou un chío hai uns meses no que cualificaba a Mathias Lessort como o mellor pivote da Euroliga. Sente admiración por el?
—Xa, para que non se me suba á cabeza teño que afagar aos que están na competencia comigo (ri). Mathias fixo moi boa tempada, está nun bo equipo. Hai que recoñecer cando un compañeiro faio igual de ben ou mellor que ti. Sempre intento aprender dos compañeiros ou de xogadores como Mathias ou Vincent (Poirier), ver como fan as cousas, ver como xogan para poder aprender deles.
—Que opinión ten do Breogán?
—Que sempre que vou a Lugo acórdome cando xogaba Betinho (Joao Gomes) no Breogán. É de Cabo Verde. Entón, todo o mundo falábame do Breogán, viamos que facía o Breogán, sigo ao Breogán desde hai moitísimo tempo. Sempre me acordo diso. Despois, a afección é incrible, sempre que imos está farto o pavillón, é un ambiente incrible e unha das mellores afeccións da ACB.
—Vostede é amigo de Christian Díaz, que xogou tres tempadas no Breogán. Que destaca del?
—Si. Teño moi boa amizade con Christian. Coñézoo desde que eu cheguei ás Palmas. É un tío que me recibiu cos brazos abertos, é moi gracioso, sempre me axudou en moitas cuestións. Outros compañeiros metíanme moita cana en categorías inferiores, pero el sempre foi o do bo rolo. Sempre me sacaba bos sorrisos, sempre estaba de broma. Era un dos mellores xogadores das categorías inferiores e así se viu ata o de agora, que o segue demostrando agora no Estudantes e convosco cando estivo en Lugo. Eu téñolle moito cariño e sempre que o vexo é unha alegría porque se me veñen á mente moitas memorias das nosas categorías inferiores.
—Que supuxo para vostede a tempada 2011-2012 no UB A Palma, en LEB Oro?
—Foi de moita aprendizaxe porque estiven con Carlos Frade, co que aínda teño contacto. É un tío que me axudou moito en todas as tarefas que fago hoxe, incluso actualmente en como mellorar, en como ler os partidos, en como teño que xogar, en como teño que desenvolver o meu xogo. Foi unha tempada incrible. O baloncesto nesa illa e o equipo nunca deberían desaparecer porque é un equipo perfecto para a liga. Hai cero influencias, é un lugar perfecto para adestrar e irte á túa casa. Era perfecto a esa idade.
—Vostede tamén foi compañeiro de dous ex breoganistas como Álex López e Roeland Schaftenaar. Como os lembra?
—Son xente que sempre me axudou. Con Álex López incluso compartín tempo na residencia cando el estaba en Gran Canaria porque é de Tenerife e era dos xogadores fichados polo equipo que vivían na residencia. Manteño contacto con el e sempre que o vexo é unha alegría. É un tío co que tratei moito nos adestramentos porque é moi competitivo, sempre quere corrixir todo. Con Roeland tamén, é moi bo tío, sempre me axudou, sempre. Incluso cando eu estaba nA Palma levábame a casa ás veces porque eu non tiña coche, así me levaba para non subir e baixar as costas (ri). Deixábame na casa. Todos os xogadores que coincidimos nA Palma seguimos en contacto.
—Vostede ten un entendemento especial cos bases. Como valora o proceso de adaptación e o rendemento agora de Andrés Feliz?
—Andrés foi a mellor base da liga pasada e non é casualidade. É normal que lle custe tanto nun equipo como o Real Madrid, é normal que lle custase vir e adaptarse. Ten unha competencia como Facu (Campazzo), que é a mellor base de Europa. Estando Facu e Andrés é complicado compartir minutos, aínda que poden xogar xuntos e renden moi ben xuntos. Andrés é moi bo base. Hai xente que se adapta rápido, hai xente que tarda un pouquiño máis en adaptarse. Agora véselle que está moito máis cómodo, que ten todo baixo control e estase vendo ao Andrés que é de verdade.
—Bruno Fernando fichou polo Madrid o pasado mes de xaneiro. Xoga na súa mesma posición, aínda que tamén pode competir ao catro. Como o analiza a nivel técnico, táctico e físico?
—Bruno é un gran xogador. Vai marcar unha época no Real Madrid se queda moito tempo aquí. É moi traballador, moi competitivo. Xa nos dá moito, está a intentar adaptarse e aplicar o seu xeito de xogar. É moi expresivo á hora de explicar as cousas e vainos a axudar unha chea porque é un animal.
—Cal é o seu mellor recordo no Real Madrid?
—Cando cheguei na miña primeira tempada e gañei a Euroliga. Non agardaba gañar algo tan grande no meu primeiro ano no club, así que entrei con bo pé no equipo. Logo tamén destacaría o triplo que meteu Jaycee (Carroll) para gañar o segundo partido da final da ACB contra o Barça en 2019 e irnos 2-0 a Barcelona.
—Cal foi o seu mellor momento na súa etapa na NBA?
—Quedo con xogar con aquela idade con xogadores gañadores como LeBron James. Tamén me quedo con chegar a toda unha final da NBA, aínda que eu non puiden xogar porque estaba lesionado. A miña etapa na NBA foi ir para ver o que teño que facer para ser o xogador que quero ser.