
Cun parcial de 17-4 nos tres últimos minutos, o equipo lucense suma un triunfo que lle outorga a permanencia virtual e sitúao ante novos retos
20 abr 2025 . Actualizado á 20:20 h.Mellor día imposible. En pleno Domingo de Resurrección, o Río Breogán deu unha maxistral lección de fe para voltear o marcador e tombar ao Zaragoza cando o triunfo se lle escorría. Parcial de 17-4 nos tres últimos minutos que pon aos celestes para soñar con atopar a chave que abre a porta de Europa.
Doce segundos tan só necesitou o Breo para fabricar a súa primeira canastra. Pase interior de Grant para Nakic e cómoda bandexa deste para estrear o marcador. Os celestes iniciaron o partido co acelerador pisado a fondo, circulando con rapidez e criterio o balón para atopar lanzamentos liberados e acertando desde máis aló do arco de 6,75. Nakic, Atic e Grant converteron senllos triplos para abrir a primeira fenda seria no marcador (10-2). O Zaragoza non só non se alterou, senón que respondeu á saída en tromba do adversario cun parcial de 0-14 para situarse por diante no marcador por primeira vez.
Consulta aquí as estatísticas do partido
Igualadas as forzas, o choque converteuse nunha guerra desde o triplo na que ambos os equipos exhibiron bos xeitos para atopar posicións cómodas e unha aceptable efectividade. Con catro puntos consecutivos no poste baixo e un tiro libre anotado por Aranitovic, o Breogán pechaba o primeira manga por diante no marcador (24-23).
Vila atopou un corredor para asinar os primeiros puntos dun segundo acto no que Sakho pechaba o paso aos interiores visitantes e Nakic estiraba a conta de triplos. Con 29-23, Fisac parou o encontro para reactivar aos seus mozos porque estaban a caer na trampa de Casimiro. Elijah Hughes buscaba con afán os seus primeiros tantos como breoganista e o Zaragoza castigaba cada momento de dúbidas no bando lucense. Con 33-33 e algo máis de medio cuarto consumido, Casimiro solicitou a primeira pausa porque o seu equipo perdera clarividencia. Sakho volveu aparecer para maltratar o aro visitante, Kurucs sumou un novo triplo, e o Breo levou a cabo unha escapada que, en contra do que parecía, non tivo consecuencias no marcador. O Zaragoza sufocouno favorecido por varias perdas do contrario e agarrado á calidade do Bell-Haynes.
A anotación do terceira manga abriuna Dubljevic cun triplo. Contestou Nakic con outro, Grant converteu dous e o Breo volvía tomar impulso e a sacar das súas casas a Fisac, que parou o encontro para frear a hemorraxia. Grant era quen máis axitaba os ataques dun Breo que volvía apostar por dous manejadores para aproveitar a inercia e dar un bo bocado ao marcador antes do acto definitivo. Pero fracasou no intento. Freárono os seus erros e a boa boneca de Bell-Haynes. Casimiro ordenou outra pausa para puír o plan, mantivo a Grant e a Mavra en pista e o resultado non foi o agardado porque o Zaragoza vencía por 64-65 ao termo do terceiro cuarto.
O último parcial comezou con Kurucs defendendo a Bell-Haynes, quen enseguida se foi ao banco, e Mavra levando a batuta do equipo celeste. Convertido o partido nun cúmulo de despropósitos, Grant volveu entrar en acción e o rebote comezaba a cobrar máxima relevancia. Con 73-78 e a 4,10 minutos para o final, novo tempo morto de Casimiro. Un triplo de Spissu puña aínda máis costa arriba o partido para os anfitrións, que, cando parecían sentenciados, volveron atopar o seu grao máximo de intensidade defensiva e efectividade ofensiva e obraron un parcial de 17-4 adornado cun triplo de Grant desde nove metros. Foi a puntilla para un Zaragoza asombrado pola recuperación breoganista.