O Palau, o único gran templo da ACB que se lle resiste ao Breogán

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

FORZA BREO

Santiago Garcés

Perdeu nos seus quince visitas ao Barça desde a tempada 1984/1985

11 feb 2023 . Actualizado á 19:04 h.

Gañar a domicilio ao Barça é unha das poucas/pouas contas pendentes que ten o Río Breogán na liga ACB. Ata o de agora foi unha misión imposible. Intentouno catorce veces durante os últimos 39 anos e só en contadas ocasións estivo moi preto de dar a sorpresa e regresar a Lugo cun triunfo. O Palau Blaugrana é o único dos templos históricos da mellor liga doméstica de Europa que aínda non asaltou o conxunto breoganista, que o intentará de novo este domingo (12.30) na vixésima xornada da liga Endesa.

a maior derrota

41 puntos de desvantaxe no «play off» de 1986

 Desde 1984, cando a Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) tomou as rendas da máxima liga baloncestística en España, a única vez que o Breo saíu ruborizado do Palau foi na campaña 1985/1986. Perdeu por 123-82 no partido de ida dos cuartos de final das eliminatorias polo título, ás que accedera superando ao TDK Manresa na rolda anterior. Steve Trumbo (33 puntos) foi o maior azoute por parte dun Barça xa dirixido por Aíto García Reneses e con Sibilio, Solozábal, Da Cruz e Epi, entre outros, nas súas filas. No partido de volta en Lugo a vitoria culé foi aínda máis contundente: 82-137.

Tempada 2005/2006

Derrota pola mínimo no penúltimo descenso

 Foi na tempada 2005/2006 cando máis preto estivo o equipo breoganista de sorprender ao Barça na súa cancha. Na xornada 24 do campionato, Marc Gasol, Navarro, Fucka e compañía, ás ordes de Ivanovic, sufriron de xeito abondo para gañar por 80-79 a un Breo que dispuxo da última posesión para gañar o partido —non entrou o tiro de Gerald Brown— e que acabaría descendendo a la LEB Ouro, onde permanecería 12 anos.

 

sen enfrontamentos

Cinco campañas en grupos diferentes

 Nas 20 campañas que acumula o Río Breogán na ACB non sempre se cruzou co Barça. A finais dos 80 e principios dos 90, cando o campionato tiña unha estrutura moi distinta á actual, en cinco tempadas non se viron as caras porque quedaron encadrados en grupos diferentes e despois tomaron camiños opostos: 1986/1987, 1988/1989, 1989/1990, 1991/1992 e 1993/1994. Na 1985/1986 tampouco compartiron grupo inicialmente, pero atopáronse na segunda fase e no play off polo título.

  

Década dos 70

Seis visitas e cinco malleiras en Primeira División

 Antes da era ACB o Breo xa rendera visita ao Barça en seis ocasións en Primeira División. E todas as viaxes foron tamén en balde: 105-89 (1970/1971), 84-29 (1971/1972), 102-66 (1972/1973), 110-69 (1973/1974), 104-62 (1975/1976) e 105-73 (1976/1977).

Vitorias a domicilio ante o Real Madrid, o Joventut, o Valencia, o Unicaja, o Baskonia, o Estudantes...

O triunfo no Palau é o único que falta por engadir á extensa colección de grandes vitorias a domicilio que ten no seu haber o Río Breogán. Equipos históricos como o Real Madrid, o Joventut, o Baskonia, o Valencia, o Unicaja ou o Estudantes, entre outros, figuran na relación de vítimas breoganistas lonxe de Lugo. Entre as primeiras desas grandes xestas destacan as dúas no lendario Magariños en 1984 (70-72) e 1986 (104-105) —con 31 puntos de Manel Sánchez— e a conquistada no Palacio dos Deportes da capital de España ante o Real Madrid (85-91). Allen (30 puntos), Manel Sánchez (27) e Riley (18) amargaron a un conxunto madridista dirixido por Clifford Luyk. O segundo e último éxito ata o momento do Breo na cancha madridista tivo lugar 10 anos despois. O 10 de novembro do 2002 os lucenses venceron por 77-81 no Raimundo Saporta, con Andreu Casadevall no banco, a un conxunto local preparado polo falecido Javier Imbroda e con xogadores como Lucio Angulo, Alberto Herreros, Alfonso Reyes e Álex Mumbrú.

O Joventut de Badalona é o histórico ao que máis veces gañou o Río Breogán a domicilio. Tombouno ata en catro ocasiones, en 1995 (76-82), no 2001 (59-77), no 2003 (68-86) e no 2019 (81-88). O Valencia, o Unicaja e o Baskonia son, xunto ao Madrid e o Joventut, os outros clubs no palmarés da ACB que tamén foron derrotados no seu terreo pola escuadra celeste.