Un éxito con valor dobre

Pablo Abuín

FORZA BREO

Eddy Kelele

07 dic 2022 . Actualizado á 20:30 h.

O calendario que tiña por diante o Río Breogán neste tramo de competición non invitaba o optimismo. Na liga Endesa é moi complicado levarse vitorias como visitante e polo Pazo están a pasar os mellores equipos da competición. Pero os de Mrsic demostraron, unha vez máis, un gran carácter para sacar adiante un partido moi disputado ante un rival directo como o Xirona.

Xurdiron dúbidas no inicio. Boa formulación defensiva cunha zona 2-3 que axustaba en individual onde Ethan Happ cortocircuitaba o xogo no poste alto de Marc Gasol, unha das súas especialidades. Pero en ataque, o Breo non atopaba fluidez na xeración de vantaxes e a circulación de balón. Foi a raíz da entrada dos Sergis (García e Quintela) cando se entoou. O cambio de defensa a individual permitiu ao Río Breogán recuperar a súa identidade defensiva e poder correr. Sergi García volveu lembrar ao as súas mellores épocas: acerto no tiro exterior e creación de vantaxes continuas no bloqueo directo. É unha gran noticia para o Breo que o balear estea a este nivel porque o equipo non vai sobrado de produción ofensiva. Outra das boas noticias foi a grande actuación de Nemanja Nenadic. Todos esperabamos un mellor rendemento do aleiro serbio desde principio de tempada pero, se consegue meterse na dinámica, pode dar moito de aquí ao final. Puido ser maior a vantaxe breoganista ao descanso.

Na segunda parte o partido tornouse gris. Tira e afrouxa por parte dos dous equipos, combinando accións positivas con erros propios da importancia do partido que se estaba disputando. Ao final pesaron máis as baixísimas porcentaxes de Xirona, cun 18% en tiros de 3 que as 20 perdas do Breo, moitas delas evitables. Vitoria moi traballada e, a priori, con valor dobre.