Agora non hai que deixarse levar polo desencanto

Ricardo Hevia

FORZA BREO

ALBERTO LÓPEZ

A opinión de Ricardo Hevia

16 abr 2019 . Actualizado ás 18:32 h.

Da ilusión ao desencanto en dez minutos. Porque 40 eran demasiados. No partido ante o Estudantes unha marea de breoganistas déronse conta ao final do primeiro cuarto que lles agardaba un calvario, que habían ir a unha final e máis parecía un birlo de pretemporada. E aínda faltaba o peor, o regreso a cadam esas horas tan longas buscando explicación ao que non ten. Alguén pode pensar que o espectro que vimos deambular polo WiZnik Center tería sido capaz de lograr unha soa vitoria nesta liga? Seguro que ninguén, xa que logo en Madrid só compareceu o escudo. Aquel non era o equipo cos seus defectos e os seus erros de construción que conseguiu oito vitorias. É unha pantasma que só comparece no Pazo e logo se evapora? É difícil de entender esa mutación. Encolle o ánimo ver esas caras inexpresivas, moi lonxe da tensión obrigada en calquera partido de competición e moito máis neste tramo final, máis parecido a un play-off que a unha liga regular.

Pero non está todo perdido, aínda que agora mesmo calquera lectura positiva soa de broma cando o circula o rumor de que hai que procurar non quedar últimos para cobrar 75.000 euros máis da Liga ACB. Pero que historia é esta?. Hai que gañar os catro encontros do Pazo Universitario si ou si e logo falaremos e botaremos contas. Son catro rivais difíciles, sen ningunha dúbida, pero non están no rango do Barça Lasa, o Real Madrid ou o Baskonia, e a nós vainos a vida. E por suposto que unha vez máis aparecerá o Breogán recoñecible, coas súas limitacións de todo o ano. Onde non chegue a calidade ten que chegar o espírito, non queda outra.,

Xavi Roca (exjugador breoganista a principios dos 90) dicíame non fai moito que sempre nos salvabamos en casa, xa que fose eran poucas as vitorias e moi sufridas, pero no vello pavillón os visitantes sabían onde viñan. Estamos na mesma situación e somos máis; antes 3.000 e agora case 6.000. Entre todos a amarrar catro vitorias en Lugo e despois xa falaremos.