O primeiro equipo coruñés foi un visitante asiduo do terreo de xogo vilagarcián

vilagarcía / a voz

FIRMAS

04 sep 2013 . Actualizado á 06:58 h.

Dezaoito veces visitou o primeiro equipo do Deportivo o campo da Lomba segundo os datos que manexa toda unha autoridade na historia arlequinada como é Juan Bouzada. O primeiro duelo entre o Arousa e os coruñeses celebrouse o 21 de marzo de 1948, co trofeo Ana María en disputa e cunha extraordinaria afluencia de espectadores segundo contan as crónicas. A vitoria caeu ao lado visitante, onde gardaba a portería Acuña, por 1-2.

A primeira vitoria do cadro vilagarcián chegou o 18 de maio de 1950, con protagonismo para Capeáns, que anotou tres dos tantos dun duelo que concluíu 4-2. As relacións entre ambas as entidades eran moi boas e iso provocaba que os herculinos acudisen de xeito habitual como invitados o trofeo Santa Rita na década dos 50, que ademais se adoitaba adxudicar. Ben ante o Arousa, ben ante algunha selección de xogadores.

O único duelo oficial produciuse na Copa do rei de 1982. No partido de ida, celebrado na Lomba, o resultado foi 1-1, con goles de Traba e de Milucho. Na volta gañaron os coruñeses (2-1).

A última presenza dos coruñeses foi o 22 de agosto de 2007, nun trofeo San Roque con dobrete de Bodipo.