O TSXG estima un recurso do PP de San Sadurniño sobre o convenio urbanístico cunha cooperativa

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

CEDIDA

Ordena iniciar o procedemento para esixir responsabilidades aos concelleiros que votaron a favor da firma do convenio que despois foi anulado

16 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estima o recurso das concelleiras do PP de San Sadurniño M.ª Belén Trigo e M.ª Esther Díaz contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol, que desestimara o seu recurso anterior contra o acordo do pleno municipal polo que se rexeitou iniciar o procedemento para esixir responsabilidades aos concelleiros que no seu día votaron a favor da firma dun convenio urbanístico con a Cooperativa de explotación en común de San Sadurniño polos terreos da Cortiña, que despois foi anulado, impondo ao Concello unha indemnización.

O TSXG ordena «tramitar o expediente de reintegro» contra o rexedor, Secundino García, e os edís Manuel Varela e María del Carmen Muíño, todos do BNG, igual que o xa exedil Xosé López, e o tamén exconcelleiro Fernando Vázquez, do PSOE. O alcalde esgrime que un informe do secretario-interventor avalaba o acordo plenario. Agora, di, «os asesores xurídicos do Concello estudarán a sentenza para ver se se recorre [en casación] ou non».

Segundo a sentenza do TSXG, «a resolución recorrida, na que o pleno do Concello, en base a un informe do secretario-interventor e o asesor xurídico, decidiu denegar a súa tramitación, resulta contraria a dereito e por iso debe ser anulada». E engade: «Á marxe de que aínda non resulte determinada a cantidade na que ha de ser indemnizada a cesionaria pola parte da leira que tiña natureza urbana, é evidente que o Concello xa abonou unha suma importante [282.828,60 euros] pola superficie clasificada como rústica, e nada impide que se tramite o expediente, aínda que unha parte da indemnización aínda de non se concretou».