O Geoparque de Ortegal tomará ideas do existente en País Vasco

O director científico do Geoparque da costa vasca visita estes días a comarca


SAN SADURNIÑO

O director científico do Geoparque da costa vasca visita desde hoxe os principais recursos xeolóxicos dos sete municipios que forman parte do Geoparque do Ortegal. O seu Consello de dirección espera aproveitar a experiencia do ilustre visitante de cara ao reto que ten por diante: o deseño do plan estratéxico e de actuacións que deberán levar a cabo antes de optar á avaliación por parte da Unesco.

O obxectivo da visita de Asier Hilario, segundo apuntan desde o Concello de San Sadurniño, é por unha banda obter recomendacións útiles para o proxecto de Ortegal e, doutra banda, conseguir orientación sobre as liñas mestras que deberá recoller o Plan director do geoparque, cuxa redacción será licitada proximamente.

Acompañado de persoal técnico e político da Deputación da Coruña e dos municipios, percorrerá hoxe as localidades costeiras -Valdoviño, Cedeira, Cariño e Ortigueira- e mañá achegarase ao Forgoselo, ás minas de Cerdido e Moeche, e reunirase cos alcaldes impulsores da candidatura en San Sadurniño.

As visitas centraranse no valor xeolóxico da área e no seu potencial turístico que, necesariamente, debe asociarse á estratexia de desenvolvemento do geoparque. A Unesco outorga a distinción «Geoparque global» en función de investimentos e actuacións que haberán de ser verificadas pola organización dependente de Nacione Unidas.

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Ferrol

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
13 votos
Comentarios

O Geoparque de Ortegal tomará ideas do existente en País Vasco