Os propietarios das Fragas do Eume viaxan a Fitur para facer oír as súas reivindicacións

A. F. C. AS PONTES / LA VOZ

PONTEDEUME

Protesta de propietarios en el puente que une Pontedeume y Cabanas
JOSE PARDO

Unhas 40 persoas partirán en bus cara a Madrid, de madrugada

27 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa o advertiron nun encontro no centro de interpretación do parque natural en Ombre (Pontedeume), o 28 de decembro. Os propietarios das Fragas do Eume non van parar ata conseguir que a Xunta de Galicia atenda as súas demandas, que hoxe pretenden facer oír na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Unhas 40 persoas viaxan a Madrid nun autobús que tiña programada a saída para as seis da mañá das Pontes. Irán e volverán no mesmo día, co propósito de incidir nas reivindicacións polas que levan nove meses pelexando.

Os donos do 80 % do parque natural demandan «compensacións económicas ou indemnizacións polos prexuízos derivados das limitacións de uso» que establece o Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) deste espazo natural. Foi precisamente por mor da aprobación deste documento, por parte do Goberno galego —«que rexeitou o 97 % das alegacións» presentadas polos propietarios—, cando comezaron as manifestacións dos afectados. A maioría defende a figura do parque, pero insiste nunha idea: «Non se pode facer exclusivamente á nosa costa e do noso patrimonio».

A última marcha pública tivo lugar o 18 de decembro, percorrendo a ponte que une Pontedeume e Cabanas, e a próxima será o 3 de febreiro, no mesmo sitio (a prevista para este domingo, día 28, aprazárona pola expedición deste sábado a Madrid). No tríptico que editaron repasan a historia do parque natural, desde que en 1996 decretouse un Plan de Ordenación de Recursos Naturais, que impuxo medidas cautelares sobre o uso que facían destes terreos os propietarios. En 1997 chegou a declaración de parque natural, con 9.126 hectáreas de ladeiras e montes, polos municipios da Capela, Monfero, As Pontes, Cabanas e Pontedeume.

Entón fixouse un prazo de dous anos para redactar o PRUX, que finalmente tardou 26, e que establece restricións «totais ou case totais nun espazo de 3.828 hectáreas», segundo explican os propietarios. Lembran que a Xunta consignou 1,1 millóns de euros para a compra de parcelas do parque, nun período de dez anos. «É fácil ver o baixo prezo que propón para adquirir ou compensar un espazo de máis de 3.825 hectáreas, xa densamente arborado», argüen.

Nestes nove meses de mobilizacións incidiron en que máis do 80 % da superficie das Fragas do Eume pertence a particulares, polo que a súa opinión e os seus intereses «teñen que ser tidos en conta» á hora de tomar medidas sobre o parque.