Ortigueira celebrará o mercado do día 3 xunto á estación

La Voz FERROL / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Ramón Loureiro

O único requisito é adiantar a hora de peche dos postos

02 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Finalmente, Ortigueira terá mercado semanal o 3 de xullo e celebrarase na avenida Juan Luis Pía, xunto á estación de tren. O Concello, que inicialmente pretendía suprimir do calendario esta feira pola proximidade do Festival do Mundo Celta (empeza o día 9), atendeu as demandas dos vendedores, que se opuñan frontalmente a esta medida.

Os placeiros recoñecen a boa disposición mostrada, na reunión mantida o luns, tanto polo alcalde, o popular Valentín Calvín, como pola Policía Local para buscar unha solución e manter a cita semanal, que non poderá desenvolverse no lugar habitual, a Alameda, debido aos traballos de montaxe do escenario e do resto de infraestrutura do festival, pero si no espazo alternativo xa utilizado noutras ocasións.

O único requisito é adiantar a hora de peche dos postos, a fin de que a rúa quede totalmente despexada ás dúas da tarde, condición á que accederon sen problema os responsables dos postos. Deste xeito, poderán atender os seus clientes e dar saída aos seus produtos, nun momento de notable afluencia de xente en Ortigueira, un dos argumentos que esgrimiron para defender que se manteña o mercado semanal. A feira do 10, en pleno Mundo Celta, suspéndese, e a que coincide coas festas de Santa Marta, o 31, tamén se fará na avenida Juan Luis Pía, como outros anos.