En prisión e investigado por homicidio o ortegano que golpeou a un veciño

A. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

JOSÉ PARDO

A xuíza acordou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza

07 jul 2020 . Actualizado ás 16:26 h.

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Ortigueira acordou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, de J. L. R. C., de 49 anos, investigado por un delito de homicidio. O home, de orixe mañonés e residente en Ortigueira, golpeou ao ortegano Cristóbal Doce Ríos nunha disputa verbal producida na beiravía da estrada, no municipio de Mañón, o día 26 de xuño.

A xuíza habíalle tomado declaración aquel mesmo día e quedara en liberdade na xornada seguinte. Cinco días despois, o 3 de xullo, o agredido pereceu no Chuac, onde ingresara moi grave, derivado desde o Hospital Arquitecto Marcide, onde o conduciu inicialmente a ambulancia do 061. O agresor foi citado novamente a declarar no xulgado este luns, a raíz do falecemento do mozo de 30 anos (cumprise 31 o día 8).

Segundo o parte da Garda Civil, a discusión xurdiu na beiravía da vía, onde se atopaba o camión de madeira que o agresor e un familiar acababan de cargar. O mozo regresaba ao seu traballo, nun taller do Vicedo, despois de ter comido co seu avó, en Couzadoiro (Ortigueira). Foi golpeado na cabeza cun pau, caeu ao chan, inmóbil, e o autor tratou de auxilialo e chamou rapidamente ao 061, de acordo cos datos da Benemérita.