Desembarco de negocios nAs Torres: «Falta fai que dinamicen isto, máis ambiente»

Carla Elías Martínez
carla elías FERROL / LA VOZ

NARÓN

CESAR TOIMIL

Un ximnasio, un supermercado Claudio Exprés e unha lavandería serán os novos locais que abran as súas portas nos baixos da macrourbanización de Narón

28 may 2025 . Actualizado á 13:29 h.

Os carteis de «local dispoñible» mestúranse cos que anuncian os novos negocios que se asentarán proximamente nos baixos da macrourbanización As Torres de Narón. «Eu levo xa oito anos vivindo aquí e nótase moitísimo a de xente que entrou nos últimos anos. E agora veñen negocios. Falta fai. Cada vez hai máis ambiente», comenta Patricia. Un enorme cartelón da extinta promotora inmobiliaria Epaat anunciaba, no ano 2005, o inicio dunhas obras que marcarían un antes e un despois para o parque de vivenda de Narón: arrincaba a posta en marcha do complexo residencial As Torres. A idea era que preto de 700 pisos, situados na superficie da leira que ocupaba a antiga factoría de Cerámicas Arzúa, conformasen o maior complexo residencial da zona. E este estaría dotado con centro comercial, spa, piscina climatizada cuberta e diversas zonas de esparexemento.

CESAR TOIMIL

Con todo, dúas décadas despois, o panorama é ben distinto. «Parece como un sitio abandonado, sen rematar. Ves os baixos así en ladrillo...», lamenta outra residente, Verónica León. Mudouse coa súa filla e o seu cachorro despois da pandemia do coronavirus, buscando un fogar cunha pequena terracita. «Eu vivía nun piso bastante escuro. Estivemos aí encerradas, así que queriamos todo o contrario», comenta Verónica. Está contenta coa evolución dAs Torres nestes anos. «Cando eu cheguei, estaban esas dúas torres baleiras», lembra. Foron aumentan os veciños que foron comprando nos últimos anos. E agora agarda que o fagan tamén os negocios. Na zona está previsto que abran proximamente un ximnasio da cadea lowcost AreaFit, unha tenda da cadea de supermercados Claudio, en formato exprés, con apertura de luns a domingo, e unha lavandería. Na cara oposta da moeda están os negocios que pecharon nos últimos anos: outra lavandería e unha barbería. Tan só pervive na zona a escola infantil.

CESAR TOIMIL

A andaluza Natalia Gutiérrez é unha das veciñas máis recentes. Mudouse ás Torres hai un mes para vivir coa súa parella, que leva tres anos asentada en Galicia. «El sempre o tivo claro, mudouse porque di que esta zona vai ter moita vida», comenta. E, cruza os dedos, parece que por fin despega. «A verdade é que estamos a agardar con ganas que abran, sobre todo o ximnasio, que parece que se atrasa», comenta.

O mellor? A localización e a multitude de servizos cos que contan agora mesmo na contorna. «Estamos preto de todo, está o centro de saúde, correos, aparcadoiro...», comenta Verónica. Ao que Natalia engade a beleza da contorna, parques da zona e paseos como o de Freixeiro, ademais da hostalería. «Todo o que hai nesta zona e que me queda moi preto do traballo levoume a comprar aquí», comenta José Pena, que tamén recalou nAs Torres tras a pandemia. Engade a proximidade do Concello ou as comunicacións coa autovía. «Cada vez hai máis veciños. Na torre onde estou eu había moita menos xente, agora xa está case chea», describe José.

C. E.

As peticións dos veciños pasan por «acabar todas as infraestruturas». «Isto está... E agora ver algo máis decente porque hai pouco estiveron ao limpar todo. Nas zonas onde está todo pechado, sen vida, hai máis problemas, sitios onde entra auga, no seu día quitaron colchóns de xente que durmiu e houbo xiringas... Pero iso limpárono, pechárono e liquidouse», puntualizan.