«Xa sabiamos que se ía a cancelar, pero pagamos o último prazo para poder reclamar»

b. a. FERROL / LA VOZ

NARÓN

cedida

A presidenta do Anpa do IES Terra de Trasancos de Narón

10 may 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Carmina Cayuela é presidenta do Anpa do IES Terra de Trasancos de Narón e nai dunha alumna de primeiro de Bacharelato, o curso afectado pola cancelación da viaxe a Bélxica que o centro organizara para finais de marzo e principios de abril. «A principios de marzo xa sabiamos que era moi probable que a viaxe se cancelase, pero decidimos pagar igualmente o último prazo para despois poder reclamar», explica Cayuela.

 Con ese último pago, os pais desembolsaron un total de 404 euros pola excursión -ningúns incluso máis por gastos adiconales de equipaxe, algo que era opcional-, e de momento, non puideron recuperar nin un só céntimo dese diñeiro.

Cayuela explica que a axencia que tramitou a viaxe está a negociar agora a devolución do importe íntegro, porque os pais non admiten outra solución. «Ao principio, a compaña aérea ofreceunos bonos para trocar durante un ano e o hotel tamén propuña aprazar as reservas, pero esa opción non nos convence, porque os nosos fillos están en primeiro de bacharelato e o ano que vén agarda un ano moi duro, porque terán que prepararse para a EBAU (a proba de acceso á Universidade)», segundo anota a presidenta do Anpa do IES Terra Trasancos de Narón.

Cayuela explica que a opción dos bonos aínda se podería estudar se os alumnos afectados fosen de cursos de niveis inferiores, pero aínda así ve complicado que o próximo curso póidanse organizar excursións ao estranxeiro, porque ninguén sabe como vai evolucionar a crise sanitaria do covid-19, se haberá restricións para frear un posible novo rebrote ou se o transporte aéreo encarecerá se descende a demanda pola pandemia.

En calquera caso, os pais do Terra de Trasancos agardan recuperar o seu diñeiro porque a cancelación da viaxe foi «por forza maior» e confían en que a súa axencia de viaxes faga as xestións necesarias para conseguilo. «Non pensamos resignarnos», di a presidenta do Anpa do IES Terra de Trasancos.