Empuxón ao Xeoparque do Cabo Ortegal

A. F. C. FERROL / LA VOZ

MOECHE

FRAN CANOSA

O convenio da Deputación cos sete concellos implicados, cunha achega de 500.000 euros, supón un impulso para presentar a candidatura ante a Unesco

27 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O convenio aprobado onte pola Deputación da Coruña supón o primeiro avance significativo do proxecto de creación do Xeoparque do Cabo Ortegal, do que se comezou a falar en 2011, a partir da instalación de paneis informativos en lugares con interese xeolóxico do municipio de Cedeira, como lembra o xeólogo Francisco Canosa; e que cobrou impulso desde fai un par de anos, da man das novas corporacións municipais e da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. A Administración provincial asinará un convenio cos sete concellos implicados na iniciativa -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño-, cunha achega de 500.000 euros para este ano.

O acordo acadado na sesión de onte, con apoio de todos os grupos políticos excepto o PP, que se abstivo, prevé a creación dun consello director, con representantes das administracións provincial e locais, con presidencia rotatoria entre os municipios. Este órgano xestionará a elaboración do plan director e o desenvolvemento do traballo previo á presentación da candidatura ante a Unesco para a declaración de geoparque.

Acordo por catro anos

O convenio ten unha vixencia de catro anos, prorrogables por outros catro, e prevé que Deputación e concellos «asuman a xestión dos recursos persoais, materiais e técnicos dun proxecto que incidirá dun xeito positivo na súa proxección xeoturística», indican desde a institución provincial.

«Agora temos que facer unha memoria conxunta de todos os concellos e o plan director; e previamente a levar a candidatura necesítase un ano de traballo realizado, con actividades, sinalización, etcétera, polo que sería antes de abril de 2019 cando a presentaríamos», explicaba onte a alcaldesa de Moeche, a nacionalista Beatriz Bascoy, convencida da importancia deste paso. «É o apoio real [por parte da Deputación] ao esforzo que se leva facendo estes dous últimos anos, coa boa sintonía entre os sete concellos, e con persoas e asociacións que están detrás e que apoiaron para empezar a andar este camiño», resaltou.

A rexedora non entende a postura do PP, «cando hai corporacións nas que votaron a favor [noutras abstivéronse] e cando en España hai xeoparques constituídos por concellos gobernados por este partido». E incide na necesidade de involucrar neste proxecto a colectivos veciñais ou culturais, e a establecementos e negocios privados.

O presidente provincial, Valentín González Formoso (PSOE), destacou que esta iniciativa «permitirá que os sete concellos xunten esforzos e traballen conxuntamente para a conservación e posta en valor do patrimonio [...]; cun compromiso co desenvolvemento local». Xosé Regueira (BNG), deputado de Turismo e Patrimonio, incidiu en que «as sinerxias contribuirán á conservación e á difusión do patrimonio».

Viaxe ao interior da terra

Que diferencia esta zona para poder optar á declaración de geoparque? «Aquí atópase o maior afloramento do mundo dun tipo de rochas, as eclogitas, xa que de forma habitual atópanse a máis de 70 quilómetros de profundidade. Pero tamén son moi importantes outras rochas como as serpentinitas, granulitas e peridotitas, así coma os restos de lavas volcánicas submarinas que formaban parte dun antigo océano hai 350 millóns de anos. Por tanto, cando un vén a esta zona é coma se fixese unha viaxe ao interior da terra. A día de hoxe non existe ningún xeoparque con estas formacións xeolóxicas tan singulares, o que o fai único», resume Canosa.

A xerente do Geoparque da Costa Vasca, que entrou a formar parte da Rede Europea e Global de Geoparques en 2010, sintetiza as tres esixencias básicas para lograr este recoñecemento: «O territorio debe ter un importante patrimonio, basicamente xeolóxico, pero que debe ir acompañado por elementos naturais e culturais; debe haber persoas que participen do proxecto e que este repercuta na súa calidade de vida; e ten que haber unha estratexia de xestión baseada no desenvolvemento sostible».