As tapas de rexistro da calzada de Basquiños volven estar soltas
14 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os veciños de Basquiños xa non saben a que portas tocar para solucionar un problema que arrastran desde hai anos e que non conseguiron resolver definitivamente ningunha das empresas de servizos da cidade nin o propio Concello. O problema non é outro que a falta de suxeición adecuada das tapas de rexistro que hai na calzada, o que evitaría que se solten polo paso constante de vehículos sobre elas. Ao estar soltas, provocan un ruído «insoportable e incompatible co descanso», explica Galo Martínez, un dos afectados.
O ruído durante o día queda algo máis camuflado polo barullo xerado polas actividades diarias, «pero pola noite é terrible. Hai menos circulación, pero cando pasan os coches escoita alto e claro o ruído do golpe dun ferro contra outro». Tal é a situación que, «cando levamos moitos días sen durmir marchamos de casa. Imos uns días a Fene para recuperarnos». O home considera que é dos máis afectados, porque «temos o dormitorio para a rúa Basquiños. Outros veciños dinme que dormen cara atrás e sopórtano mellor». Galo Martínez reclama atención para unha situación que «pode solucionarse. Houbo momentos en que estaban todas soltas, agora é a que está diante da miña casa e empeza a moverse outra». Na rúa hai decenas de rexistros só na calzada, e unhas 400 contando as das beirarrúas.

As tapas cambiáronse por outro modelo, probouse un sistema diferente de ancoraxe, e incluso se colocou ao redor delas un material diferente; todo para conseguir que cesase o ruído que soportan día e noite os veciños. Hai uns meses parecía que a última intervención funcionara, pero a dita durou pouco tempo. En agosto do ano pasado, Galo Martínez volveu alertar de que a tapa situada onda a súa casa estaba solta. «Mandei escrito, reclamacións, pero non veñen arranxala», explica. Neste caso a tapa é da empresa subministradora de enerxía eléctrica, que «me notificou que viría entre o 10 e o 17 de marzo», pero non foi así. Hai unhas semanas mandou un aviso dicindo que estaba rota, «e viñeron rapidamente, pero ao estar solta e non rota, non fixeron nada». Nalgún momento expúxose actuar pola súa conta, «díxenlles que de madrugada, colocaba unha goma ao redor para que cesase o choque de ferros, pero advertíronme que me expuña a unha multa por tocar unha propiedade privada».
Martínez conseguiu que lle explicasen que o problema era que el Concello non daba permiso de ocupación da vía pública. Tras horas de investigación, visitas á empresa e ao Concello, e tras novos escritos, «dinme que non teñen ningunha petición. Cando lles dou o número de expediente dinme no Concello que hai moitas peticións de ocupación de vía pública e que agarde a miña quenda. É unha total falta de empatía co benestar veciñal».