O goberno fenés retoma o proxecto para ampliar o cemiterio municipal

CHEMA CORRAL FENE

FENE

JOSE PARDO

A actuación incluirá a construción de novos nichos e de columbarios á necrópole

16 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Colea desde hai anos. A ampliación do cemiterio municipal de Fene é un antigo proxecto dos populares que, por fin, ten visos de materializarse. O goberno local ultima a redacción da actuación que pretende financiar con cargo aos fondos provinciais do Plan de Obras e Servizos do 2019.

Durante a anterior etapa na alcaldía, os de Gumersindo Galego impulsaron mesmo un estudo previo para coñecer a demanda real de novos nichos que existía na localidade. Unha análise no que se tenteou ademais a posibilidade de solicitar columbarios para depositar as urnas coas cinzas dos veciños incinerados.

Naquel momento, tal e como lembra o actual rexedor municipal presentáronse unhas 120 solicitudes, o que, segundo anota, non implica directamente que esas persoas vaian comprar, unha tumba, pois non existe compromiso algún por parte dos veciños asinantes.

A pesar de que o dato constataba o interese dos feneses por esta actuación, o cambio de goberno deixou a ampliación do camposanto nas pavías. De feito, as sucesivas peticións que os populares expuxeron ao executivo encabezado polo nacionalista Juventino Trigo para que o Concello iniciase os trámites para sacar adiante a obras naufragaron.

Agora, o actual goberno desempoa a iniciativa e garante a súa posta en marcha. Neste sentido, o Concello xa encargou o proxecto construtivo e pretende solicitar o apoio ás obras do resto dos grupos políticos. Con todo, hai unha vontade firme de executar a actuación ou polo menos deixala pechada no presente mandato.

Obras previstas

A idea do goberno local, segundo avanza Galego é construír unha nova fase de nichos (varios centos), habilitar unha zona ampla de columbarios para reducir os custos do proceso para aqueles feneses que opten pola incineración, e mellorar os equipamentos xerais do cemiterio.

Nesta liña, apunta que se está valorando tanto a creación dun osario xeral como a instalación dun forno crematorio de materiais, que permita, por exemplo, desfacerse dos restos de caixas. Non está pechado polo momento o orzamento da actuación -que deberá concretarse antes da ponte da Constitución, para ser aprobado no pleno que terá lugar inmediatamente despois dos festivos- pero o Concello prevé financialo con cargo ao POS 2019.

O Concello pretende dar resposta á demanda actual e futura do municipio