Un xurado profesional decidirá este xoves en Cedeira o gañador do primeiro Mundial do Percebe
CEDEIRA

Compiten crustáceos de toda Galicia, Asturias, o País Vasco, Portugal, a Bretaña francesa e Marrocos
12 jun 2025 . Actualizado á 16:53 h.Percebe galego de Cedeira, Corme, A Coruña, Muxía, Aguiño, Malpica e Cangas, e tamén de Asturias, o País Vasco, Portugal, a Bretaña francesa e Marrocos. Todos aspiran a conseguir o título do mellor percebe do mundo, no primeiro mundial dedicado a este crustáceo que organiza a taberna Bon Pé, na vila cedeirense. O evento está impulsado por Diego Iglesias e Yolanda Cuesta, propietarios do negocio hostaleiro e a cargo da empresa Terra do Marisco, especializada na venda de percebe.
Comezará ás cinco da tarde, con participación de cinco chefs de recoñecida traxectoria: Luis Veira, Rafa Zafra, Hideki Matsuhisa, Berto Domínguez e Javi Botana. Incluirá unha poxa do mellor lote deste crustáceo, cuxa recadación se destinará á ONG Unoentrecientomil, para apoiar a investigación contra o cancro infantil.
No local anfitrión continúan coas xornadas do percebe, que comezaron o 6 de xuño e acabarán este domingo, día 15, cun menú degustación por 48 euros. Inclúe empanada aberta de percebes, de benvida; croquetas de percebes e percebes ao sal con leituga de mar, de entrantes; pescada ao vapor, espinacas, salsa verde e percebes, e secreto de porco, demiglace de manteiga e percebe, con pataca, de segundos; e torta de chocolate, flocos de millo e alga codium, de sobremesa. «A primeira fin de semana foi un éxito rotundo e agarda que no evento do 12 e ata o 15 sexa un cheo total, polo ritmo de reservas», destaca Iglesias.