Un home enfróntase a catro anos de cárcere por atracar á súa propia nai no portal
CEDEIRA
O fiscal tamén pide unha orde de afastamento durante cinco anos para a proxenitora que viu como lle arrebatou cen euros ante a súa casa de Cedeira
21 nov 2024 . Actualizado á 05:00 h.Un veciño de Cedeira enfróntase a unha condena de catro anos de prisión, ademais da unha multa, por atracar á súa propia nai. Todo sucedeu o 18 de outubro do 2022, ás catro e vinte da tarde, cando o acusado se dirixiu ao portal da casa da súa proxenitora coa intención de pedirlle diñeiro. O home ten antecedentes por outro roubo con violencia, no que resultou condenado a quince meses de cárcere.
As relacións entre ambos non son boas e non era a primeira vez que nai e fillo tiñan diferenzas polo diñeiro. A muller negouse a darlle fondos e o home non se conformou: forcexou con ela ata arrebatarlle o bolso. Fíxoo con tanto ímpeto que a muller rematou no chan e con feridas de relevancia nunha man. A documentación do caso detalla que tivo que ir ao médico e que tardou tres días en reporse, aínda que non lle quedaron secuelas físicas. Mentres ela estaba derrubada no portal, o seu fillo puido facerse coa carteira e coller cen euros, que a muller quere que lle devolva.
Agravante de parentesco
O fiscal do caso considera que o procesado é autor de dous delitos: un de roubo con violencia e outro de lesións. A ambos lle aplica a agravante de parentesco. Polo delito de roubo solicita catro anos de cárcere e unha medida de afastamento de cinco anos, nos que o procesado non poderase achegar a menos de 200 metros da súa nai. Tampouco poderá establecer comunicación con ela. Mentres que polo outro delito (de lesións leves) pide unha multa de tres meses de multa a razón de seis euros diarios.
No escrito de acusación detállase, ademais, que o procesado deberá devolver os cen euros á súa nai en concepto de responsabilidade civil e abonar ao Sergas os gastos que xerou na súa asistencia sanitaria.
O xuízo non se puido celebrar esta semana pola falta dun das testemuñas. O xulgado recoñece na documentación do proceso que se descoñece o domicilio do procesado.
A muller denunciou que lle arrincou o bolso con tanta forza que a fixo caer e facerse dano
O escrito da acusación relata a dureza da acción que sufriu esta nai a mans do seu fillo, que a estaba agardando no portal. Cando ela se negou a darlle diñeiro «agarrou fortemente o bolso que portaba a súa proxenitora e arrebatoullo, tendo para iso que zarandear á vítima e provocando que esta caese ao chan, golpeándose a man dereita contra uns chanzos. A continuación, o acusado apropiouse de 100 euros en metálico» que levaba na carteira e saíu fuxindo.