Eroski proxecta abrir un supermercado na Maravilla, que creará 35 empregos

A. F. C. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSE PARDO

O investimento global previsto, entre a construción e a habilitación do interior, superará os 2,6 millóns de euros

09 dic 2017 . Actualizado ás 19:23 h.

O Grupo Eroski proxecta a apertura dun supermercado de 1.700 metros cadrados na Maravilla, fronte á gasolineira de Cedeira, coa creación de 35 empregos directos, cifra que podería variar ao longo do ano, «en función da estacionalidade, con máis persoal no verán ou Nadal», explica Pedro Suárez. O director de Expansión e Franquía da empresa Vegalsa Eroski indica que a tenda contará con 75 prazas de aparcadoiro, parte en superficie e o resto no soto do inmoble, e estima o investimento na habilitación do interior en 1,3 millóns de euros.

A esta cantidade súmanse os 1,36 millóns que custará levantar o edificio, dunha soa planta, por parte do grupo Investimentos Financeiros Moreda S. L., propietario do chan. Que ocorrerá co actual supermercado de Eroski, situado na avenida de Castelao, se este proxecto sae adiante? «Non pensamos pechalo, funciona ben, dá un servizo ao centro e pode ser compatible, como noutros pobos. O outro ten o dobre de superficie e aparcadoiro, e sitúase na zona de acceso a Cedeira, polo que se poderá desprazar xente doutras poboacións a comprar aquí [...], coa vantaxe de sacar tráfico de camións do casco», remarca Suárez. Quere deixar claro, doutra banda, que non barallan ningunha localización alternativa en Cedeira se non puidese executarse na Maravilla. «Entendemos que é o polo comercial», reitera.