Un coche coas rodas semienterradas azuza a polémica do aparcadoiro de pago de Cabanas
CABANAS






O alcalde defende a obra e lembra que a proxectou o goberno anterior, de PSOE e BNG; o Bloque acúsalle de mentir e Somos ironiza co eventual aglomerado
21 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.A presenza dun coche coas rodas semienterradas na area do aparcadoiro do piñeiral da Madalena serviu para azuzar a polémica ao redor do primeiro aparcadoiro de pago creado polo Concello de Cabanas. «E ao final pasou o que tiña que pasar... Facer un aparcadoiro de pagamento en pleno dominio público marítimo-terrestre, amais dunha duna arborada, sen estudo serio do terreo nin medidas de seguridade... As consecuencias caen polo seu propio peso», comentaba o concelleiro de Somos Candidatura Veciñal, o día despois de que ocorrese este incidente.
Xosé Manuel Sardiña preguntábase «cal será o próximo paso, que o asfalten con aglomerado para que quede bonito». E concluía: «A natureza non entende de taxas nin de improvisacións. Facer un aparcadoiro de pago nunha duna arborada, ideas insuperables para a historia». Sardiña asegura, doutra banda, que o número de árbores e as especies recollidas na memoria «non coincide cos que se cortaron; aparecen trinta pinos e catro chopos, e caeron pinos, corchoeiras, varios salgueiros, un ameneiro e chopos».
O BNG, que formaba parte do goberno que ideou este estacionamento, como árgüe unha e outra vez o alcalde, o popular Fernando Couce, acúsalle de mentir —«presenta como informe técnico unha memoria feita por encargo para xustificar a tala que el mesmo mandou facer, sen tramitación previa nin avaliación ambiental»— e denuncia que o contrato da curta de árbores «foi adxudicado o 11 de xuño, día da concentración veciñal en contra, cando os traballos comezaran o venres anterior, e polo tanto, sen cobertura legal».
O portavoz municipal do Bloque, Iago Varela, fala de «escándalo, ao comezar a executar unha actuación deste tipo sen contrato, sen notificar á Administración responsable dos terreos e sen un informe técnico que a avale». Pide ao rexedor que asuma «responsabilidades políticas e legais» e enmarca o seu papel neste caso «nun contexto de soberbia, tics autoritarios e desprezo continuo á corporación e á veciñanza [...], unha situación insostible, o cargo quédalle grande e este episodio é e inadmisible».
Os veciños tamén han terzado nesta controversia, cunha protesta contra a talla de árbores, que o rexedor cabanés xustifica «por seguridade», das persoas e os coches e non por ampliar o aparcadoiro: «Espazo para aparcar apenas gaña, como moito sete ou oito prazas, e iso, a un máximo de cinco euros ao día, non representa nada para un concello con catro millóns de presuposto». «Era o momento de deixar a zona o máis saneada posible (ao habilitar o aparcadoiro), máis aínda sendo de pago», esgrime. Insiste en que «se plantaron máis árbores dos que se cortaron, e de especies máis adecuadas ao chan areoso».
Couce reitera que «todo o que se recade» do novo estacionamento reinvestirase no mantemento da contorna do piñeiral, «un compromiso do anterior goberno local con Costas». Por iso chámalle a atención «ver ao BNG protestando contra unha obra do seu goberno (Varela era concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente)». Reafírmase en que a talla conta co aval de «os servizos técnicos de Urbanismo, recollido nunha memoria valorada (como di o BNG), vale, pero advertindo do perigo pola cantidade de xente que usa o piñeiral».
Sobre o coche que quedou atrancado, «foi só un e xusto no sitio onde estaban as montañas de area que se retiraron... pode haber algún punto que non estea ben compactado, coa area sen asentar; revisarase para que non pase máis (e non é a primeira vez, outros veráns houbo casos)». Desmente calquera intención de «asfaltar» o aparcadoiro, incide en que o proxecto foi ideado polo anterior goberno, de PSOE e BNG, e recalca que «de pago xa era antes, porque os veciños e as veciñas de Cabanas eran os que pagaban as actuacións que se facían alí». As barreiras e a máquina para o abono do aparcadoiro xa están instaladas, pero aínda non funcionan. Haberá un período de proba gratuíto «para habituarse».
Entre 1,20 e 5 euros
A primeira hora será gratis. Se se pasan os 60 minutos haberá que pagar 1,20 euros por hora (incluída a primeira), ata un máximo de cinco euros ao día (por 12 horas). Ten capacidade para uns 500 coches.