Formoso ao Goberno: «Conten coas Pontes para calquera proxecto»

f. fernández AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

CESAR TOIMIL

O alcalde pontés reúne ao tecido empresarial co ministro de Industria

10 feb 2024 . Actualizado ás 16:17 h.

«Viña do espazo e volvín a aterrar na realidade territorial, que é o que máis me gusta». Así se presentou o ministro de Industria, Jordi Hereu, ante unha nutrida representación de empresarios de Galicia durante un encontro este venres nas Pontes. E é que Hereu procede de Hispasat, a empresa de satélites de Redeia (antes, Rede Eléctrica de España). O novo titular de Industria (nomeado en novembro pasado) reuniu na vila aos presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; o da Coruña, Antonio Fontenla; e de Ferrolterra, Cristóbal Dobarro. A máis diso responsables de compañas punteiras da comunidade, como Endesa, Iberdrola, Estrella Galicia, Mercadona, Navantia, Ence, Reganosa e Grupo Tojeiro, entre outras moitas.

Hereu explicoulles as oportunidades dos fondos europeos para transformar o tecido produtivo e emprender o camiño cara á transición enerxética, na que «As Pontes é un magnífico exemplo».

«Estamos inxectando unha cantidade histórica de fondos para axudar a esta transformación da industria», destacou, pero «isto non o fai só o Goberno. Fano as empresas e os traballadores». Por iso, «necesitámoslles, necesitamos que vostedes teñan a capacidade de risco, de investir. Isto ten que ser un traballo en equipo». O ministro defendeu que a transición «xerará un novo sector industrial e Galicia será un dos escenarios máis importantes». Díxoo nas Pontes, «onde había unha central térmica, que cumpriu unha fase fundamental das nosas biografías, pero sinxelamente tense que transformar». E isto quéroo ver cos meus ollos».

«Necesitámoslles, necesitamos que vostedes teñan a capacidade de risco, de investir. Isto ten que ser un traballo en equipo»

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, recoñeceu que o peche da central térmica, «que era un pulmón económico», foi «un pau e, ademais, inesperado». Pero «non se pode mirar atrás, somos unha vila de reinventarnos. É un enclave industrial moi diversificado, temos a fábrica de empanadas máis grande do mundo, producimos sistemas de comunicacións, contadores para o gas, para a auga, pellets de biomasa, plásticos para o sector do automóbil, abonos químicos, estruturas metálicas, de madeira, construímos, mantemos e deseñamos parques eólicos e centrais de xeración», relatou Formoso ante Hereu. E continuou: «As Pontes ten mentalidade industrial. Cada vez que se abre unha fábrica celebrámolo [...]. É difícil atopar unha localidade de implantación pacífica dunha industria pesada, que ten impacto visual, ambiental». Por iso, «o organismo que máis competencia ten no ámbito industrial debe sabelo, debe contarse coas Pontes como opción para calquera proxecto industrial que necesite o país e que poida ser tractor para a economía española en xeral».

«Debe contarse coas Pontes como opción para calquera proxecto industrial que necesite o país»

O rexedor destacou que hai sobre a mesa novos proxectos industriais «que necesitan axilidade burocrática [...], a xente desespérase». Proxectos que suman 1.400 millóns de investimento —como a central de bombeo reversible, a fábrica de biofibras de Ence, outra de amoníaco e unha planta de pneumáticos—: «Todos están a agardar por permisos».

CESAR TOIMIL

Por iso, «cando veñas pór a primeira pedra, durmiremos tranquilos todos. Algún retirarase da vida política cun pouquiño de tranquilidade, porque este é o meu pobo, onde eu nacín e onde quero morrer», confesou Formoso.

Vieites, pola súa banda, reclamou tamén a Hereu «tramitacións áxiles» dos proxectos, unha planificación eléctrica adecuada ao desenvolvemento industrial e a conexión de Galicia coa rede europea do hidróxeno verde.