Santiago Martínez, avogado do caso: «Hai que pedir que xustifiquen as cantidades»

La Voz

ARES

02 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Santiago Martínez leva un despacho en Ares xunto á letrada Cristina Vázquez. Neste caso traballaron duro para chegar a un acordo que evitase un preito que gañaron.

—Son habituais este tipo de situacións?

—Descoñézoo, pero a postura das dúas eléctricas (distribuidora e comercializadora) foi tan tallante ante os clientes que todo fai supor que noutros casos debeu de funcionarlles Como poden protexerse os clientes que sufran unha situación similar?

Sempre deben reclamar que as eléctricas lles expliquen e xustifiquen de onde saen as cantidades facturadas e, senón están de acordo, asesorarse tanto técnica como legalmente para esixir o respecto aos seus dereitos.

—Que supuxo a estes clientes?

—Recibiron varias chamadas dos empregados da comercializadora anunciándolles posibles cortes de subministración que nunca chegaron a producirse, así como a interposición de accións legais que, neste caso, remataron chegando. Cando se viron ante un preito e puxeron o asunto nas nosas mans déronnos total liberdade para solucionalo mediante negociación e, de feito, propuxemos á eléctrica unha solución obtida a partir dos consumos dos anos anteriores que tampouco aceptaron. Intentamos mantelos o máis afastados dos detalles do asunto para evitarlles máis preocupacións e eles respectaron o noso traballo en todo momento.

—Como valora a sentenza?

—A sentenza é impecable. Para obter éxito nunha reclamación xudicial o primeiro dos requisitos é acreditar a certeza dos feitos. Aínda cando os clientes nunca negaron que o contador puidese estar avariado, a compaña comercializadora nunca foi capaz de xustificar de onde se obtiñan as desorbitadas cifras de consumo que facturou e que pretendía cobrar.

A xuíza non puido dar por boas unhas cantidades obtidas a partir dunhas estimacións, cuxo método de cálculo non resultou probado, nin sequera explicado.