O soño de remar na Concha

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

ARES

Aida Carro e Alba Rivas únense á traiñeira do Donostia Arraun Lagunak

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando o adestrador do C.R.Ou. Donostia Arraun Lagunak chamou a Aida Carro para proporlle a posibilidade de que ela e Alba Rivas remasen este verán con vistas á praia da Concha , Aida non llo pensou dúas veces para embarcarse nesta aventura. As amigas canteirás do Club de Remo de Ares cumpren o soño de poder remar coa elite nacional das traiñeiras. «Queriamos remar nalgunha traiñeira no verán, o ano pasado fixémolo na Cabana peros este ano non sacan, e en Ares non se forma equipo para poder sacala. En canto chámome Patxi nin mo pensei. Poder vir ao País Vasco é unha experiencia única e moi pouca xente ten a oportunidade de que a chamen», agradece Aida. Ela mesma contoullo a Alba que non esconde a súa emoción por estar en Donosti, cidade á que chegaron fai unhas semanas. «O ano pasado xa remei en traiñeiras, este ano quería seguir nalgún club galego, non me agardaba para nada vir aquí, non tiña expectativa ningunha de poder remar no play off da Euskotren e moito menos a poder remar toda a tempada», recoñece Alba.

O seu novo club, onde estarán ata setembro, conseguiu a tempada pasada unha praza na Liga Euskotren (Liga Feminina da ACT) e foi 4º clasificado na Kontxa Feminina. «Adestramos na baía da Concha , sempre que o permite o tempo. A regata máis importante para calquera remeiro é a de aquí e estamos a adestrar todos os días aí. É incrible», destaca Aida.

A nova é de Pontedeume, estuda matemáticas en Santiago e xa coñece o que é marcharse fóra de casa. Do mesmo xeito que Alba, que residía desde abril en Ares, estudou linguas modernas en Santiago de onde se marchou a Perpiñán de auxiliar de conversación. «Ter a outra persoa fai moito máis doado a experiencia», agradece a eumesa.

Outro tipo de remada

«Coñecer como se rema en Euskadi vainos axudar a facelo en Ares», recalca Aida. Esta experiencia serviralles para crecer no deporte xa que o tipo de remada e de adestramento é distinto, explican. «En Ares nunca colles mar, como moito algunha onda de fondo se hai un pouco de vento, Pero aquí sempre hai mar, os primeiros días Alba e eu estabamos arrastradas do que nos pesaba o corpo de remar no mar», lembra Aida.

Aínda que levan poucas semanas, están encantadas co club e a cidade. «Xa fixemos equipo e levamos pouco tempo aquí, o club é unha familia, non chegas e dáche a sensación de que estás nun equipo profesional ao máis alto nivel. Estamos na elite pero paréceme que é o meu club de toda a vida, síntome en casa», agradece Aida. Ao que Alba engade a calorosa benvida das súas compañeiras. «A adaptación está a ir moi ben, as mozas do club son moi calorosas connosco, a casa está súper ben e a cidade é preciosa», destaca.

Desde que se coñeceu a noticia en Ares, non pairan de recibir eloxios e felicitacións. «En Ares están encantados de que vingamos, a xente dános o parabén e non paramos de recibir mensaxes de apoio. Pero que dúas remeiras de Ares consigan ser fichadas por un club vasco de categoría di moito do Club de Remo de Ares e axuda a que se promocione», explica Aida.

Agardan que a súa experiencia sirva para que máis mulleres se animen a practicar o deporte na vila. «O ano pasado a traiñeira de Ares masculina estivo na Euskolabel e puidemos darnos nós a coñecer. Sempre que esteas na elite, máis xente vaise animar a remar», expón Aida.