
O Concello dá luz verde ao traslado da marquesiña de autobús á rúa Camelias
05 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.As Pontes aprobou o expediente de licitación para as obras de mellora da pavimentación e os servizos na rúa Anduriñas, así como o traslado da marquesiña de autobús á rúa Camelias. O proxecto conta cun presuposto de 223.349 euros, financiado pola Deputación da Coruña.
Desde o Concello explican que a actuación ten como obxectivo a renovación integral da calzada e as beirarrúas co fin de mellorar a accesibilidade da vía. Para iso, procederase á unificación de cotas e establecerase un único sentido de circulación, habilitando espazo de aparcadoiro na marxe dereita da rúa, no sentido da marcha.
Ademais, o deseño da nova vía diferenciará as zonas de tránsito peonil e rodado mediante distintos tipos de pavimento. As beirarrúas estarán compostas por baldosas prefabricadas de formigón, mentres que a calzada contará con laxas de formigón adaptadas ao tráfico de vehículos.
Entre os traballos tamén se inclúe a renovación da rede de saneamento unitaria actual (residuos e pluviais) que será substituída por unha rede separativa con colectores de PVC.
A maiores, procederase á renovación da rede de iluminación pública coa instalación de novas columnas e luminarias de tipo LED dispostas de forma alterna.
Novo mobiliario urbano
Para rematar, desde o Concello detallan que o proxecto se completará coa instalación de novo mobiliario urbano, incluíndo bancos, papeleiras e xardineiras, e finalizará coa reposición da sinalización viaria.