
Na zona de descanso de Morouzos non poderán meterse aparellos ruidosos como xeradores, neveiras, altofalantes ou reprodutores de música potentes
04 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Aqueles que vulneren os dispositivos de seguridade e control ambiental durante el Festival de Ortigueira enfrontaranse a multas de 500 a 3.000 euros. O certame ampliará os seus dispositivos de control na área de descanso, durante a celebración dos concertos do 9 ao 13 de xullo.
Segundo indicou o Concello, as restricións de tráfico xa entraron onte en vigor. O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira conta ademais cunha normativa específica de acampada na contorna natural de Morouzos, «área especialmente sensible pola súa protección ambiental baixo a Rede Natura 2000». Esa zona de descanso sitúase nun eucaliptal protexido, con autorización da Xunta de Galicia durante eses días.
«Este enclave forma parte das Zonas de Especial Protección e Conservación da Rede Natura 2000, e constitúe o hábitat de especies sensibles, polo que require un coidado especial», indican desde o Concello. Ademais, o uso da área de descanso estará permitido unicamente entre o 8 e o 15 de xullo. Para preservar ao máximo o hábitat de flora e fauna, queda terminantemente prohibido instalarse nos piñeirais adxacentes, o cordón dunar ou calquera outra zona sensible da contorna natural.
O acceso debe realizarse só por camiños e rutas oficialmente sinalizados. E non se poderán introducir aparellos perigosos ou ruidosos, como xeradores, cociñas, bombonas de gas, ferros, neveiras, fornos, altofalantes ou aparellos de música potentes.