Libre quérote

Nona I. Vilariño A miña BITÁCORA

FERROL

15 jun 2024 . Actualizado á 22:55 h.

O pasado venres Amancio Prada ofreceunos un concerto de formato moi persoal e de extraordinaria calidade musical e poética. Foi recibido cun larguísimo aplauso, ao que seguiu un silencio unánime que permitiu recoñecer emocións que sobrevoaban a escuridade só crebada por un cambio de luces, tan artístico como compasado no seu ritmo. O ambiente puxo luz na sombra na que habitan as miñas frustracións e ao longo de case dúas horas sentín que alí estaba emocionalmente protexida de todo o que ocorría fóra dese micro paraíso no que: recitaba un poeta, tocaba un músico e falaba un home capaz de descubrir a beleza na máis sinxela e humilde das cousas da vida… e, ademais, conseguir que todo o que o rodea mute nun pequeno universo, fermoso e sereno no que non teñen lugar os axitadores da ira que antecede ao odio… E esa foi a miña xornada de reflexión, tan racional como emotiva, paradoxo que parece imposible e non o é, porque as palabra do poeta son semente da liberdade imprescindible para que o voto sexa limpo. Non ten esta reflexión máis interese (xa pasou o que pasase) que o de que a miña bitácora sexa un rinconcito blindado á ira e á soberbia, por pouco ou moito que guste o resultado electoral e portadora dun desexo: que escoite a voz dos poetas en silencio. E hoxe elixo o poema de García Calvo, con música de Amancio Prada Libre quéroche himno que debería alumar a nosa mirada a España para buscar a resposta ao que nos ocorre. Porque a poesía é unha arma cargada de futuro e a liberdade, sen medos, o único camiño, que non se acaba, cara á paz. Libre quérote para percorrelo.