Amas de Casa de Neda cobran por fin o segundo premio da Lotería de Nadal: «Estamos moi contentas, mereceu a pena loitar»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NEDA / LA VOZ

FERROL

El segundo premio se vendió en un establecimiento de A Coruña
O segundo premio vendeuse nun establecemento da Coruña U. C.

Socias desta entidade recibiron o diñeiro nas súas contas este xoves pola tarde, case un mes despois de gañar no sorteo

19 ene 2024 . Actualizado ás 13:50 h.

As Amas de Casa de Neda por fin están de celebración. No sorteo da Lotería de Nadal, celebrado o pasado 22 de decembro, gañaron o segundo premio: a razón de 25.000 euros por cada participación de cinco euros. Pero a data do pasado mércores parte delas aínda non cobraran, tal e como denunciaron neste diario. Finalmente, este xoves pola tarde xa tiñan todas o diñeiro nas súas contas: «Estamos moi contentas, mereceu a pena loitar». O ingreso chega case un mes despois do sorteo. 

Os billetes habíaos adquirido a asociación Amas de Casa da Coruña nun posto de venda na cidade herculina. E posteriormente, a directiva provincial vendeu participacións dese número 58303 durante unha charla informativa celebrada en Xuvia coas Amas de Casa de Neda. Unhas quince veciñas compraron alí este número. E o 22 de decembro resultou agraciado co segundo premio da lotería de Nadal. As que compraran unha participación levaron 25.000 euros, as de dúas 50.000 e así sucesivamente... ata as agraciadas con bastante máis de 100.000 euros. Todo isto, sen contar a retención de Facenda. Pero algunhas delas, a data do pasado mércores seguían sen recibir o diñeiro no banco.

Tras denunciar a súa situación, a presidenta da asociación da Coruña chamou ás socias de Neda o xoves pola tarde indicando que o diñeiro xa debería estar ingresado. «Eu pensaba que cobraría o vindeiro luns, pero Amas de Casa da Coruña movéronse moito e o impacto nos medios tamén nos axudou», indica unha das afectadas. As socias chamaron este venres pola mañá ao banco e efectivamente xa cobraran, con ingreso do xoves pola tarde. 

Insisten algunhas das socias premiadas que «merece a pena loitar por estas causas». Agora poderán gozar deste gran premio da Lotería de Nadal.