Referencias que se perden

José A. Ponte Far VIÉNDOLAS PASAR

FERROL

15 oct 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Nalgunhas cousas os tempos de hoxe nada teñen que ver cos de antes. Un exemplo: aos meus fillos sorpréndelles que eu coñeza ben, non soamente o nome dos santos importantes, senón mesmo o día do ano que teñen dedicado no santoral. E non poden evitar un sorriso cando, falando entre nós, digo que tal cousa ocorreu por Santo Antonio, ou que aquilo pasou por San Pedro, ou que as noces empezan a madurar por San Miguel, ou que o apoxeo do verán se dá ao redor da Virxe das Neves.

Sóalle a unha linguaxe doutro tempo, máis propio de mosteiros medievais. Aínda que sexan expresións que só utilice en termos coloquiais, eu téñoas por normais. Quizá porque desde pequeno estiven moi relacionado co mundo dos santos e as súas devocións. Primeiro na casa, despois cos cura no colexio.

Lin con moito interese vidas e milagres de moitos deles, ás veces tan interesantes, por certo, como calquera novela de aventuras.

A grande impulsora de tal interese foi a miña avoa paterna, que rezaba rutinariamente, pero coa perseveranza dun picapedrero: non había santo no ceo para o que non tivese a ración diaria de avemarías acompañadas de peticións estrafalarias, aínda que tiña os seus preferidos. O primeiro, Santo Antonio, que lle axudaba a atopar o que ela antes extraviara.

Pero polo entusiasmo co que falaba del, eu creo que o seu favorito de verdade era santo Vicente Ferrer, do que sempre contaba que o seu bispo chegara a prohibirlle facer máis milagres sen o seu permiso: tantos e tan frecuentes eran os que facía case a diario. E el obedeceu a machada, ata o punto de que un día, estando o santo na rúa, viu como un albanel caía dunha estada moi alta. Detívoo no aire, foi a ver o bispo, pediu o seu permiso e, unha vez obtido, fixo que descendese suavemente ao chan entre os aplausos dos viandantes estupefactos.

Eses si que eran milagres de santo! Porque os de hoxe parece que baixaron o nivel. Quen teña fe ten que volver aos clásicos. Son máis fiables.