Como choiva fina

Nona I. Vilariño A miña BITÁCORA

FERROL

07 mar 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Nos aniversarios da morte de Adolfo Suárez (23-3-2014) abrázome á nostalxia, que non se traduce en tristeza. É un exercicio para revivir momentos e recuperar o sorriso, ao evocar a figura do que sempre será o meu presidente… cuxa memoria, como a do 23F, xa non merecen atención pública ningunha. E o esquecemento, cultivado polos iluminados adanistas , vai penetrando, como choiva fina, na mente de quen non viviron a Transición, nin coñecen a nosa historia. Pero hoxe percibo unha choiva fina diferente á do esquecemento: as palabras de Feijoo ao anunciar a súa candidatura á presidencia do PP. Non é que reivindicase a Suárez. Nin correspondía. Pero o seu discurso, firme e inequívoco en defensa da Constitución, as institucións e os principios que son soporte da nosa democracia reconciliáronme coa esperanza de que a política recupere a senda, ultimamente repudiada, que se iniciou no 77 (algúns protagonistas seguen loitando para conseguilo) e fixo posible unha España na que cabiamos todos. E unha substitución política no goberno, un dos obxectivos prioritarios do presidente Suárez, sen odio nin revisionismos revanchistas e coa normalidade con que se produce nas democracias.

Feijoo non necesita palmeiros. E moito menos unha bitácora de reproches a quen non o respectan. El responde co seu respecto. Pero, con cabeza e corazón, quero transmitir a miña profunda convicción de que, despois destes lamentables tempos de insoportable populismo, o seu compromiso con España, a súa serena e sabia madurez política serán garantía de respecto polas institucións, de procura da concordia e dun goberno sen sectarismos.