Os sindicatos reclaman a continuidade da térmica pontesa no 2022

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL

CESAR TOIMIL

01 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta convocou para o próximo día 15 aos integrantes do comité de crise das Pontes, para abordar a situación presente e futura da central térmica pontesa. Os sindicatos UGT, CC.OO. e CIG reclaman que o reinicio da actividade da planta de Endesa teña continuidade no 2022.

«Entendemos que as escasísimas explicacións e a falla de garantías ofrecidas ata a data pola empresa eléctrica ao respecto deste cambio de estratexia son insuficientes, como o son as necesarias garantías de emprego para os traballadores da central e das auxiliares», afirman as centrais nun comunicado público.

Ademais, reclaman que Endesa estea representada nese encontro coa Xunta, no que tamén estarán presentes os axentes empresariais, a administración local e os transportistas. 

Plan formativo

Doutra banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou onte que o lanzamento dun plan de apoio para a recualificación profesional e inserción laboral dos traballadores afectados pola transición enerxética. «A meta é apoiar a formación profesional e a inserción laboral daquelas persoas que estean afectadas polo peche das térmicas, entre outras instalacións, que en Galicia son As Pontes e Meirama (Cerceda)», explican.

As accións formativas estarán orientadas cara ao ámbito das enerxías renovables e o medio ambiente, con cursos para a operación e mantemento de instalacións solares e eólicas, entre outros. Tamén haberá accións do ámbito ambiental.