Ríos da noite, leóns de pedra

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL

08 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe, no corazón do verán, tampouco lles escribo desde o café, senón xunto á miña fiestra. Unha fiestra pola que entra o canto da auga, que vén desde Sillobre facendo muíños e que aquí, a uns metros de onde os cabaleiros sanjuanistas fixeron labrar na pedra dous leóns rampantes, se remansa un pouco, antes de chegar a Perlío e seguir camiño cara ao mar. Os atletas olímpicos corren na televisión. Fronte a min están, xunto a unha estilográfica á que lle quero especialmente, as figuras dos Reis Magos. E ao seu lado, un cartón manuscrito que me enviou o pasado nadal o poeta Miguel Carlos Vidal. As Olimpíadas de Tokio déronlle grandes alegrías ao deporte galego, grazas a estrelas como Ana Peleteiro e Adrián Ben. Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo e ex plusmarquista español dos 400 metros lisos, foi olímpico tamén en dúas ocasións. Como o foi outro gran amigo noso, Javier Álvarez Salgado, que en Múnic 72 disputou tanto a final dos 5.000 como dos 10.000 metros, tras ter sido finalista en 3.000 metros obstáculos en México 68. O atletismo é unha cousa formidable, unha das máis belas metáforas do mundo. E lémbranos que as grandes vitorias, as que de verdade merecen a pena, son as que se logran cando uno loita contra si mesmo. Tamén fronte a min teño unha foto tomada fai case corenta anos, pouco antes de que se dese a saída nun Campionato de España de Cros de Clubs en Fuenlabrada, que é a única fotografía que teño xunto a tres amigos moi queridos: Quique Pantín, Marcelino Amado e Juan Rico. É a única na que estamos os catro xuntos, quero dicir, e estoume dando conta de que nun artigo lles dixen que a estabamos buscando, pero ao final non cheguei a contarlles (ou si?) que aparecera. A foto, dun tempo que xa non existe, está de pé, entre libros. Uns libros que son todos amigos moi leais: Torga, Onetti, Luz Pozo, Conrad, Nélida Piñón, Proust, Melville, Clarice Lispector, Twain, Simenon e (por citar un exemplo máis) Atxaga. Acórdome moito da miña bisavoa, que tantas veces releu o Zalacaín de don Pío Baroja. Tiven a sorte de coñecer aos meus bisavós, Carmen e Cándido; aos meus avós paternos, Josefa e Constante; e aos meus avós maternos, Carmen e Ramón. Canto me gustaría poder escoitar a súa voz de novo. E a da miña nai.