Loiba lembra desde o seu soado banco a emigrantes e mariñeiros

J. Corral ORTIGUEIRA

FERROL

cedida

O acto coincidiu co décimo aniversario do popular asento

03 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde os cantís de Loiba, onde se localiza o mellor banco do mundo, mirando de fronte ao océano Atlántico, os veciños de Ortigueira renderon onte unha sentida homenaxe aos que se foron. Un acto en memoria dos mariñeiros que deixaron a súa vida no mar e tamén dos residentes da zona que tiveron que cruzar o charco para gañarse a vida, que se fixo coincidir co décimo aniversario da colocación do soado asento.

Unha misa campestre en honra á Virxe do Carmen xunto ao embarcadoiro de Furnas, unha procesión pola costa e unha ofrenda floral xunto ao banco, conformaron a celebración, impulsada por Rafael Prieto, o mesmo veciño que, no seu día, ideou colocar o icónico asento para gozar da impresionantes vistas dos cabos Ortegal e Estaca de Bares, e que se converteu en todo un reclamo turístico.

«Foi un éxito. Sinto unha alegría inmensa», sinalaba Prieto, tras a celebración que non quixeron perderse nin o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nin o alcalde en funcións, Juan Penabad, nin quen era rexedor cando se colocou o popular banco, Rafael Girón, ademais de decenas de residentes da parroquia.

«Máis aló do aniversario do banco, ou de hoxe -por onte- foi un día para lembrar aos que xa non están. Xente como un pai e un fillo de Loiba, que morreron por estas datas non ano 1948 ao envorcar a embarcación na que ían», sinala un Rafael Prieto emocionado.