O bitcoin bate marcas

David Serantes

EXTRAVOZ REDE

Aínda hai persoas que fan o cambio a pesetas para grandes cantidades de diñeiro, cando xa temos unha nova moeda en circulación: o bitcoin. Unha destas moedas virtuais xeradas en Internet e que non precisa de intermediarios xa vale máis de 10.000 dólares. Algúns lanzáronse sobre ela para facerse millonarios e outros temen que sexa unha nova burbulla. Bitcoin atrae a atención de todos.

02 jul 2018 . Actualizado ás 20:22 h.

Pagará con efectivo, cartón ou bitcoins?». Esta cuestión, que por agora é pouco probable que teña chegado aos nosos oídos, xa é realidade nun café da cidade californiana de Pau Alto. No Coupa Cafe aceptan bitcoins como moeda de pagamento desde fai máis de catro anos e por suposto todos os prezos se mostran en dólares americanos e en bitcoins.

Ademais do nome da moeda, que vai con minúscula, o termo Bitcoin tamén se refire á rede que soporta este intercambio de moeda entre usuarios sen a interferencia dunha autoridade central que poida rastrexar as transaccións que levan a cabo. A tarefa de supervisión existe, pero realízase de forma colectiva pola mesma rede. Algo que atemoriza a moitos e que foi visto como unha oportunidade por outros, que xa fan todos os seus negocios a través desta rede monetaria. A priori, a semellanza que máis nos pode tranquilizar é a do correo electrónico; utilizado por unha banda importante da poboación mundial, non está en mans de ninguén en concreto, senón que é un sistema de envío de información soportado neste caso pola rede de redes, Internet.

Bitcoin saíu a relucir nos medios e nas conversacións de café en cada ocasión en que o valor da moeda acadou barreiras psicolóxicas como a dos 10.000 dólares, aos que chegou hai pouco máis dunha semana. Pero non se parou aí, senón que no momento de escribir este artigo o índice de Coindesk estima que o bitcoin vale nada menos que 14.209 dólares. Toda unha escalada vertixinosa que moitos cualifican como burbulla e ademais como temporal. Os expertos pensan que é necesaria unha moeda de Internet, pero non ven que o bitcoin vaia a ser a definitiva, e creen que antes ou despois aparecerá unha moeda oficial para a Rede.

A rede Bitcoin ten algunhas vantaxes moi relevantes, sobre todo para os comerciantes, que atopan que as transaccións realizadas son moi seguras por ser irreversibles, ademais de que non conteñen datos persoais e privados dos clientes. Tamén lles achega a posibilidade de comezar a operar en mercados onde os cartóns de crédito non están dispoñibles ou onde os niveis de fraude sexan moi elevados. Tamén para os usuarios atópase o aliciente do control total sobre as súas transaccións, xa que é imposible que os comerciantes pasen pagamentos non desexados como sucede con outros métodos. Talvez o máis importante é que se ofrece un alto nivel de protección do diñeiro dos usuarios grazas ás copias de seguridade e encriptación. Bitcoin é confiable porque é completamente neutral, transparente e fiable.

Se tivésemos que pór algunha pega ao protocolo Bitcoin estaría no nivel de aceptación por parte das persoas. Aínda que xa son moitos os negocios e marcas en Internet que aceptan pagamentos con bitcoins, aínda non é moi coñecido e necesita crecer para sacar beneficio do efecto rede. Por outra banda, o valor total de bitcoins en circulación é pequeno en comparación co que poderá acadar. É unha moeda que está a nacer e é moi difícil prever que é o que pasará con ela. O software de Bitcoin está en fase de desenvolvemento e crecemento para que chegue ás masas. Aínda non está listo para o gran público, está nunha fase de maduración que, aínda que será moi rápida, tardará en ser aceptada polos usuarios do montón.

Calquera pode descargar unha app que serve como moedeiro de Bitcoin desde a App Store de Apple ou a Play Store de Google e a partir de aí facerse con bitcoins. O máis sinxelo é comprando algunhas nunha casa de cambio de Bitcoin; tamén como resultado dun pagamento por bens ou servizos, comprando directamente a alguén da zona onde un vive. A forma máis complexa sería fabricándoos un mesmo co proceso competitivo da minería de bitcoins, para o que se requiren potentes equipos de hardware, software específico e ademais tempo e moita enerxía para resolver os problemas matemáticos que están detrás da seguridade da rede de Bitcoin.

Bitcoin é posible que perda fol nos próximos meses e que a demanda existente non se manteña ao mesmo ritmo. Con todo é o inicio dun movemento no que os intermediarios das transaccións tradicionais observan como quedan fóra do mercado e onde o crecente mercado de Internet atopa unha forma de facer pagamentos máis directa, sen identificación dos datos privados dos usuarios. Pronto veremos como poderemos pagar nos nosos comercios de confianza en bitcoins e como ter unha carteira no noso smartphone será tan natural como operar coa app do noso banco.