María Outeiral: «Necesitamos abrir as ventás e airear cun novo proxecto»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIÓNS GALEGAS 18F

CARMELA QUEIJEIRO

A concelleira boirense está convencida de que, como di o lema da campaña socialista, desta vai e haberá cambio na Xunta da man do PSOE

09 feb 2024 . Actualizado ás 20:56 h.

Cando se convocaron as elección autonómicas, a boirense María Outeiral deu un paso adiante disposta a arrimar o ombreiro para conseguir un goberno socialista na Xunta. Non contaba con ocupar un número tan alto na lista, o 7, pero asume o reto «con moita ilusión e moita forza» mentres repite o mantra do PSdeG: «Besteiro é o mellor candidato».

—Que vostede vaia de número 7 é unha mostra do peso que ten o PSOE de Boiro neste momento dentro do partido a nivel xeral?

—Eu creo que si que somos importantes, dende logo temos a mellor situación cos nosos nove concelleiros, noutros lugares con goberno socialista a situación é moi distinta. Coa nosa maioría é lóxico que nós esteamos aí.

—É un reto para vostede esta nova responsabilidade?

—Éo, e asúmoo con moita ilusión e moita forza. É o momento do cambio, Besteiro é o mellor candidato que podemos ter e o seu proxecto represéntame completamente. En principio non pensaba ir tan arriba na lista, pensaba máis en ser un apoio para estas eleccións, porque necesitamos un cambio, necesitamos abrir as ventás e airear cun novo proxecto e si que cría necesario participar e axudar a que así sexa.

—Cre que desta vai o cambio?

—Levamos 15 anos de parálise e estámolo vendo na rúa, os problemas que hai coa industria, coa sanidade, o retroceso na educación... É o momento de que a xente reaccione, e nós presentamos un proxecto realista que responde a todo iso, fundamentalmente aos servizos públicos.

—É no ámbito dos servizos onde se xogan estas eleccións?

—Son fundamentais, pero non só os servizos, tamén as infraestruturas son importantes, e a economía. Para seguir medrando e evolucionando é necesario ter chan industrial, algo que levamos anos pedindo desde a comarca e non se nos fixo caso. Sen empresas non hai traballo, e sen traballo non podemos medrar. No tocante aos servizos públicos, é evidente que están moi minguados, incluso os máis básicos, como a atención primaria. Non é que o digamos nós, estao dicindo a cidadanía e estano dicindo os médicos. Hai moitísimas carencias e para atendelas o que fai falta é xestión, e nós estamos preparados.

—No tocante á comarca, cales son os asuntos nos que están poñendo o acento?

—Temos un problema moi grande que é o que está a suceder co sector pesqueiro e a acuicultura. A xente do mar está pedindo axuda por culpa dun problema excepcional e non se lles está atendendo, estáselles dando unha esmola. Por outra banda, nesta comarca a educación está totalmente abandonada, e os concellos temos que asumir unha carga que non nos corresponde porque a Xunta non o fai.