Carlos Callón: «As enquisas apuntan o cambio, e a rúa tamén»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA/ LA VOZ

ELECCIÓNS GALEGAS 18F

CARMELA QUEIJEIRO

Dende un posto simbólico na lista, o ribeirense confía en que é o momento de Ana Pontón

08 feb 2024 . Actualizado ás 20:39 h.

Sabe que non fai falla ser cabeza de cartel para facer política, cre firmemente no traballo desde a base e que é importante aprender a perder para saber gañar con xustiza e serenidade. E confía en que chegou o momento da vitoria para o BNG. Carlos Callón é un dos representantes de Barbanza na candidatura nacionalista, ocupa un posto simbólico na lista, pero está entregado a unha campaña que confía que traerá o cambio a Galicia.

—No mitin que deu Pontón en Ribeira non se collía na carpa, perciben ilusión no seu electorado?

—Máis ca nunca, vímolo no acto de Ribeira e vémolo cando facemos reparto, a receptividade é moi boa. Hai xente que ten ilusión porque sexa unha muller a próxima presidenta, outra xente trasládanos que ten que ser un partido galego o que nos goberne, e outros están preocupados polo seu día a día. As enquisas apuntan o cambio, e a rúa tamén.

—Existe a sensación de que o cambio é agora ou nunca?

—A sensación é que é agora. Lévase traballando moito tempo dende a base, como formiguiñas e en momentos moi complicados, e o BNG sempre está aí onde están os problemas da xente. Os servizos sociais, a sanidade, os sectores produtivos, o noso mar... son cuestións que dependen da Xunta e a xente quere un goberno que teña cariño por esas cousas. Eses son os intereses que defende o BNG, mirar que os galegos e galegas teñamos a mellor vida posible no noso país.

—O seu electorado xa está mobilizado e agora buscan o apoio de votantes que non son os do BNG.

—Si, nós chamamos a todas as persoas que ollen para o BNG e que vexan o que defendemos, non só de palabra, senón tamén nos feitos, que ollen o que fai o BNG cando entra nun goberno. Ás veces caricaturízannos e cando a xente se achega ve que non somos unha caricatura, senón que estamos en sintonía cos problemas e preocupacións da xente. Vai ser con todas esas persoas coas que conseguiremos un goberno que vai poñer en primeiro lugar os intereses dos galegos.

—Que papel ten Ana Pontón nesta corrente de ilusión?

—Ana amplía o círculo moito máis, ela activa, non só a maquinaria do BNG, senón que hai un movemento de entusiasmo ao seu redor. Ana representa un tempo novo, Rueda é un candidato gris.